A verdade da humildade e as trampas da humillación
As Benaventuranzas (sexto domingo do tempo ordinario)
Benaventurados os mansos, as que sofren… porque deles é o Reino
As benaventuranzas marcan o camiño do Reino, pero tamén poden marcar un camiño de dor e destrución das persoas cando non temos clara a diferenza entre humildade e humillación. A confusión destes dous conceptos levounos moitas veces ao perigoso xogo de identificar as persoas humilladas coas humildes. No caso das mulleres, esta confusión mesmo chega a ser perversa, máxime agora que están saíndo á luz os casos de relixiosas abusadas por varóns revestidos de autoridade eclesiástica.
A persoa humilde é aquela que sabe renunciar voluntariamente ao seu para poñerse ao servizo dos demais (Xesús, sendo de condición divina, rebáixase asumindo a condición humana, di a carta aos Filipenses). A humildade é o contrario do egoísmo. A persoa humilde descéntrase de si mesma para acoller o outro, para acoller a novidade do mutuo enriquecemento. A humildade evanxélica xorde da nosa identificación con Xesús, home libre que acepta a súa misión, que deixa unha vida máis ou menos previsible e acomodada para xogar o seu tipo anunciando o Reino de Deus. Pero en moitos, en demasiados casos, loamos as persoas pola súa humildade e servizo cando, en realidade, non é que sexan humildes, é que están sendo humilladas.
A persoa humilde é aquela que sabe renunciar voluntariamente ao seu para poñerse ao servizo dos demais
A humillación é outra cousa. Aparece cando identificamos a persoa non con Xesús, o home libre, senón só co seu sufrimento. O humillado non ten liberdade, non asume a súa vida como froito da propia vontade porque non a ten. A humillación é facer de menos, rebaixar un grupo, unha persoa. Forma parte do xogo de poder duns sobre os outros. Supón unha xerarquía entre as persoas, de tal xeito que unhas teñen o poder, o control, a autoridade, e outras non. Os humilladores fundan a súa superioridade sobre o outro en base á raza, o xénero, ou mesmo por dereito divino. Hai humillación nunha violación, hai humillación na pederastia.
Tamén hai humillación no servilismo feminino na Igrexa, cando as mulleres vemos reducida a nosa liberdade, cando non nos permiten aspirar a ser todo o que as nosas posibilidades humanas nos poden levar a ser. Hai humillación nos teitos de cristal. Tamén cando non se nos permite identificarnos plenamente con Xesús, senón só cunha parte del, a servicial. Cando só se nos permite subir a un altar para limpar ou poñer flores non hai humildade, hai humillación.
A humildade libera, a humillación so serve para soster sistemas de dominación. O humilde identifícase coa persoa de Xesús, ao humillado só se lle permite identificarse co seu sufrimento. E os sistemas de dominación exaltan ese sufrimento prometendo a gloria eterna a quen o padece.
As benaventuranzas, o discurso programático de Xesús, dinos que os que sofren, os pobres, están máis cerca de Deus. Pero esta afirmación tórnase perversa cando se utiliza para xustificar os privilexios duns fronte a humillación dos outros, cando o Evanxeo se usa para manter a humillación das persoas, apuntalando sistemas de poder inxustos. Louvar a humildade e o servizo cando esa humildade e servizo non brotan dunha elección persoal de identificación con Cristo, en igualdade e liberdade, é perverter o Evanxeo.