Quen matou a Xesús? Por que?
Preguntas necesarias para lle escaparmos ao predominio do esquema encarnacionista, ahistórico e de interpretación mítica. Ese modelo dedutivo -encarnatorio-, insiste en que Xesús morreu “para….”; o modelo narrativo, busca o motivo: porfía en que morreu “porque…”. Se Xesús morreu de morte matada, por algo sería. Só desde a análisAe histórica se pode ascender a explicacións teolóxicas.
A súa revolución relixiosa foi tan contundente que non só afectaba á lei xudía e ao templo de Xerusalén -aos que nunca renunciou-, senón que ademais tiña forza de liberación política.
A súa revolución relixiosa foi tan contundente que non só afectaba á lei xudía e ao templo de Xerusalén -aos que nunca renunciou-, senón que ademais tiña forza de liberación política. A súa crítica do poder desgornecía de xustificación a ocupación romana. Temos, ademais, un texto evanxélico que non ofrece dúbida da súa crítica ao poder romano ocupante cando afirma que os reis estranxeiros se fan chamar benfeitores, pero tiranizan. Tal facían os ocupantes, que se impuñan títulos honoríficos de protectores e salvadores.
Nunha sociedade sacralizada coma a xudía, na que o político e máis o relixioso andaban moi mesturados, a praxe libertadora de Xesús tiña consecuencias na enteira sociedade. Que Caifás e Pilato se puxeran de acordo, xustifícao Joachim Gnilka: “A cooperación en materia procesual entre a instancia xudía e romana compréndese moi especialmente no caso de delitos que ían contra o Templo. En tempos dos gobernadores romanos os sumos pontífices eran establecidos no seu cargo por Roma: era Roma quen levaba a supervisión global do Templo. E no Templo ofrecíanse a diario sacrificios polo emperador e polo pobo romano”.
A mensaxe de Xesús, en conxunto, era explosiva. Deuse unha dobre valoración: blasfemo para a autoridade relixiosa, rebelde para a romana.
* Texto tomado do libro “Na fronteira do misterio. Credo para xente non crédula”
© Fotografía/Imaxe_ Ecce homo, de Antonio Ciseri, 1862. Galería da arte moderna de Florencia