Vense de celebrar en Santiago o XXXVI Foro Encrucillada sobre Música Relixiosa Galega. Nel Nuria Núñez Elissetche falounos de como foi cambiando a música relixiosa na nosa terra co paso do tempo. Quero nesta Boa Nova recoller algunha das reflexións de Nuria (o texto completo lerédelo na próxima Encrucillada, no 230) para animarvos a seguir a facer música relixiosa dende a música popular, quitarnos os medos que nos impiden avanzar e camiñar sen complexos no desenvolvemento da música relixiosa galega. Nuria distinguiu entre música sacra, música litúrxica e música relixiosa e falou de como a música relixiosa pode adoptar as formas propias dos pobos e culturas. Tamén nos recordou que non hai ningún instrumento que non se poida usar para animar as celebracións relixiosas e citou a Instrución Musicam Sacram:

“Respectarase o carácter e as leis de cada lingua; teranse en conta tamén os costumes e o carácter particular de cada pobo na preparación de novas melodías”

“A adaptación da música sacra nas rexións que posúan unha tradición musical propia (…) esixirá aos expertos unha preparación especial: trátase, en efecto, de asociar o sentido das realidades sacras co espírito, as tradicións e a expresión simbólica de cada un destes pobos. Os que se consagren a este traballo deben coñecer suficientemente tanto a liturxia e a tradición musical da Igrexa como a lingua, o canto popular e a expresión simbólica do pobo para o cal traballan”. (MS 61)

Neste mes acabamos o tempo ordinario e empeza o advento que traerá consigo ao Nadal, un tempo de moita música popular nas igrexas. Panxoliñas e cantos de reis son das máis claras expresións da música relixiosa popular. Estamos asistindo tamén a un momento doce na posta en valor da música popular galega, froito maduro de moito traballo silencioso e voluntario de moitas persoas que patearon aldeas e lugares para recoller a nosa riqueza musical. É un traballo calado e voluntario, á marxe das institucións políticas que nin o ven nin o valoran. Na música relixiosa estamos a facer o mesmo percorrido. Sería moi bo que houbera apoio institucional por parte das dioceses neste traballo de recollida, composición e difusión, pero dado que non a hai e parece que non podemos esperar por ela… imos ter que ser nós, o pobo de Deus, o que salve de novo á Igrexa de caer na irrelevancia social. Sexamos nós os salvadores e difusores da nosa música relixiosa popular. Deámoslle rango de pertenza na nosa Igrexa usándoa e espallándoa.

Esta é logo a boa nova que vos traio hoxe: compoñede, cantade, musicade e adaptade todo aquilo que sintades expresión xenuína da vosa espiritualidade. O que ben canta reza dúas veces, así que non perdamos tempo e saquémoslle o meirande partido ás nosas oracións!!