“Cicatriz de Belén”, obra do grafiteiro Bansky
O amor é negación da ansia que o ego ten de medrar, por iso é difícil amar ben
Poder e Amor son dous termos opostos, e a súa tensión define a natureza humana. O poder axúdanos a expandirnos, a facer o mundo conforme á nosa vontade. O amor limítanos, móvenos a facerlle sitio ao outro (que pode ser unha persoa, un país, a natureza, o mundo enteiro). O verdadeiro amor nunca é conquista, sempre é acollida e servizo. É unha negación da ansia que o ego ten de medrar, por iso nos resulta tan difícil amar ben. Para dominar non é necesaria axuda divina: só forza, e deixarnos levar polos nosos peores instintos; o amor, en cambio, é unha renuncia -bastante sobrenatural- a impoñernos. Simone Weil dicía que “o amor polo desgraciado é un milagre mais digno de admiración do que camiñar sobre as augas, curar doentes e mesmo resucitar un morto”. Grazas a Deus, este milagre acontece todos os días.
A historia de Xesús é o paradigma deste tipo e amor, e por iso é interpretada como a mellor expresión do que Deus é. Encarnouse na mais vulnerábel das criaturas, e dedicou a vida a amar e devolver a dignidade a todo o que é fráxil e humilde. O Nadal é a festa na que a nosa cultura celebra que non estamos mais perto de Deus canto máis poder atesouramos, senón cantos mais colos damos e mais mesas compartimos.