O Evanxeo é a Boa Nova e é a forza que muda a nosa vida e o noso corazón para mellor. Por iso, pídolles que lean cada día o Evanxeo e mediten unha pequena pasaxe, para se alimentaren desta fonte inesgotable de salvación. #AudienciaXeral
11.00 a.m. · 4/08/2021
Non existe mellor momento ca este: deixa esta Boa Nova irimega para te mergullar directamente no Evanxeo. Para que sucedáneos! Mais se agardades até o final da páxina, presentarémosvos outro xeito de abordar a lectura da Biblia, que non é outra que a coñecida coma “Bible Journaling”.
O Bible Journaling: un diario de vida e un diario espiritual
O “Bible Journaling” é un novo xeito de ler a Biblia. Ao mellor atopariades imaxes de biblias con marxes moi amplas, polo xeral, que son aproveitadas para incorporar ilustracións, debuxos ou notas escritas da súa lectura. Moi chamativas, principalmente polo uso das imaxes e da cor; denominábanse estas prácticas como “Bible art journaling” ou, finalmente, “Bible Journaling”, termo polo que é coñecido na actualidade.
Que precisariamos? Unha Biblia, un Novo Testamento, cunhas marxes ben amplas (das que carecemos na nosa lingua!), ou simplemente un caderno que acompañe o noso exemplar da Biblia, como este que teño ao meu carón, cunhas tapas ríxidas nas resalta en dourado “A Biblia. SEPT”.
O Bible Journaling é un xeito de unir a Palabra e a nosa vida
Por moi moderno que pareza, remítenos ás Biblias iluminadas medievais, ás anotacións que se realizaban nos exemplares impresos nas Biblias protestantes ou ás Biblias devocionais ou de estudo que proliferaron no s. XX. As anotacións ás marxes forman parte xa dunha lectura orante da Biblia, xa do seu estudo, co obxectivo de profundar na súa vivencia da Palabra.
Un espazo para a creatividade
Mudemos a nosa postura coma lectoras, acheguémonos desde as “marxes” dos propios textos bíblicos. Anotemos as ideas, sensacións, inspiracións que se producen en nós ao lermos os textos. Convertamos a lectura nun proceso onde busquemos unha resposta activa ao que Deus nos di.
Vexamos a nosa Biblia coma diario híbrido. Aproveitemos as marxes para anotar, resaltar, subliñar aqueles aspectos que nos axudan a estudar e comprender os textos. Non só isto: aproveitémolo como lugar de encontro, un diario onde incluír as nosas experiencias do día a día á luz dos textos. Biblia de estudo e diario espiritual.
Sen medo. Non hai regras. Somos cada un de nós os que imos facendo o noso diario. Podemos atopar miles de exemplos, non hai nada máis que dar unha volta por internet. Hai tantas “Bible Journaling” coma persoas! Non hai un xeito erróneo de o facer: é abrirnos a ter unha conversa con Deus, xa a través das palabras, xa a través das imaxes.
Non hai normas. Somos libres de nos expresar como quixermos. Ás persoais máis visuais gustaralles máis o uso de debuxos, das palabras con cores, de imaxes. Outras preferirán as simples anotacións escritas. Meditemos a Palabra, deámoslle unha oportunidade. O obxectivo é simple: aprender da Boa Nova e das nosas experiencias vitais, permitirmos que a lectura da Biblia nos poida servir de guía que dea sentido ao que nos vai acontecendo na nosa vida. Unir, nas marxes do texto, vida e Palabra.