Comezou o curso. Nas garderías, nos colexios, nos institutos, na universidade. Tamén na catequese e nas comunidades, nas parroquias e nos grupos, despois dun longo tempo de desconexión. E regresamos cun certo aquel de incerteza, de non saber moi ben como vai ser. Pasamos estes meses con dúbidas: volveremos ou será o peche definitivo? Porque xa estabamos en crise na Igrexa, pois cada vez somos persoas de máis idade e menos en número. Moitas veces pensabamos se a xente vai a misa por pura rutina e non por convicción, e agora que o hábito cambiou… esa xente volverá? A verdade é que botamos en falta as apertas e os xestos de agarimo, rezar o Nosopai sen darnos as mans non é o mesmo e o xesto da Paz, onde quedou?

Estamos ante unha ocasión única para cambiar cousas que non nos convencían pero que seguían funcionando igual porque sempre se fixeron así

Pero aquí estamos e pode que non nos vaia tan mal: en vez dunha Romaxe tivemos moitas mini-romaxes. Igual non hai tantos nenos na catequese pero hai tempo que rexeitabamos a celebración da Primeira Comuñón como un acto social sen ningún sentido para moitas das familias que a celebraban. Así que podemos estar ante unha ocasión única para cambiar cousas que non nos convencían pero que seguían funcionando igual porque sempre se fixeron así.

Seica os cambios non son mala cousa. Pensamos no que non podemos facer, botámolo de menos, buscamos alternativas e entón volvemos ás xuntanzas nas casas, como os primeiros cristiáns, as reunións pequenas, xa non temos que ir a Santiago ou a Madrid para coordinarnos porque temos internet no ordenador ou no móbil e aforramos viaxes… Buscamos alternativas e atopámolas. A imaxinación ao poder.

Sería ideal que fósemos coma o locutor da radio que escoito polas mañás camiño do traballo: dando ánimos, buscando o lado positivo, sacándonos un sorriso, que para deprimirnos xa están as noticias da tele. Pensemos que o máis importante de todo é a solidariedade, o amor polos demais, especialmente polos nosos irmáns e irmás que máis o necesitan, sexa por cuestión da saúde ou por cousa da economía. O noso obxectivo é axudar a que o mundo sexa habitable para todas as persoas, para toda a gran familia humana. E nesas estamos, con distancia de seguridade e con garda-bicos, pero sen rendernos nunca.

Como di Frei Betto hai que gardar o pesimismo para días mellores. Non podemos facerlle o xogo a un sistema que o que busca é que nos quedemos quietos, deprimidos, desanimados; hai que seguir loitando. A historia ten moitas voltas.