Perdoade, de entrada, dúas cousas: o titular e mais que hoxe non traiamos aquí a Boa Nova, senón o catecismo da Igrexa. Sobre a primeira frase, non é o que a min me ensinaron, mais é a expresión apropiada para transmitir a estupefacción de moitas persoas, cando escoitaron a reacción da xerarquía católica española ao informe do Defensor do Pobo sobre os abusos cometidos na igrexa española.

Perdoar e pedir perdón doe

Detrás dun pecado, dun delito, dunha ofensa, hai unha vítima e un vitimario. Está, por suposto, un gran dano que xera moita dor. Para as vítimas, perdoar é o máis difícil, o máis doloroso. Non vai desaparecer o dano que se lles causou, non vai ter a vida de antes, mais as feridas de corazón só se van curar se perdoan, e isto é tan difícil, tan doloroso, que precisa tempo e acompañamento. Pedir perdón tamén doe. Para nada o poñemos ao nivel da dor da vítima, mais recoñecer que actuaches mal, que causaches un mal noutra/s persoa/s e comprometerte nun radical cambio é doloroso, e por iso é tan difícil facelo, ou se queda nunha declaración coa boca pequena que non satisfai nin as vítimas e que amosa que non temos conciencia do dano que causamos.

Pecado, culpa e arrepentimento

A Igrexa non é a vítima. Non sei se o bispado español é consciente do insultante ou ofensivo que pode resultar para as vítimas e o conxunto da sociedade falar dos datos do Informe e incidir en que se esaxeran. De verdade? Ir de vítimas? A propia Igrexa fálanos de que a falta de arrepentimento mantennos sometidos ao pecado, estancados, sen progreso e felicidade. Sen un verdadeiro e profundo arrepentimento non ha liberación. Non é o Defensor do Pobo quen chama ao arrepentimento, nin tan sequera Xoán Bautista. A xerarquía non leu, interpretouno como quixo, o seu propio catecismo (Cat, IV, 1430): ”Xesús chama a unha conversión interior (…). Impulsa a expresión desta actividade por medio de signos visibles, xestos e obras de penitencia”. “A conversión realízase na vida cotiá con xestos de reconciliación: Defensa da xustiza e do dereito, recoñecemento das nosas faltas ante os irmáns…”(Cat IV, 1435). E continúa indicando tamén que por simple xustiza hai que satisfacer a vítima, facer todo o posible por reparar o pecado. Non abonda ser absoltos, “débese satisfacer de maneira apropiada ou expiar os seus pecados” (Cat IV, 1459). Lémbrannos, que este arrepentimento precisa a “aceptación paciente da cruz que debemos levar” (1460) e, entre moitas outras cousas, para non estendelo de mais, que é preciso amosar a “dor e aversión respecto dos pecados cometidos e o propósito firme de non volver pecar” (1490).

Até aquí chegamos

Entón que? Cal a postura da xerarquía da igrexa española? Que vai mudar? A palabra arrepentimento vén da palabra metanoia (conversión) e, por isto, como o catecismo mostra, non é cuestión de mirar unicamente ao pasado, o pecado cometido, senón mirar ao futuro, concretando en que consiste esa conversión. Non abondan, logo, as xa célebres palabras do rei emérito “Lo siento mucho, me he equivocado, y no volverá a ocurrir”.