Asistimos á palestra que Joaquín Sánchez, sacerdote, membro da Plataforma de Afectados pola Hipoteca (PAH), ofreceu na parroquia Cristo da Vitoria de Vigo, baixo o título: “A esperanza: que a inhumanidade e a indiferenza non teñan a derradeira palabra”.

A esperanza

Temos a sensación de que cada vez somos menos e que somos máis maiores. Temos a sensación de soidade, mais, se te decatas, se viaxas, descobres que hai xente boa, que loita, que se compromete, en todas as partes. Podemos entender a esperanza dun xeito pasivo, delegando a responsabildade noutras, buscando alguén que nos resolva a situación. Mais a esperanza, en especial a cristiá, é activa: somos construtoras de xustiza, paz, liberdade, fraternidade/sororidade, alí onde hai 50 persoas que loitan, hai 50 motivos para a esperanza.

Que queremos?

Que é o que buscamos? Influír na cidadanía cos seguintes pasos: sensibilizar, concienciar, mobilizar para transformar a sociedade e construír humanidade. O que os movementos sociacis denominaron “outro mundo é posible”, en cristián é construír o Reino de Deus. Merecemos unha sociedade onde se creen as condicións necesarias para vivir en dignidade. As elites, os amos do mundo, dinnos como temos que vivir, inflúen en nós na busca do seu propio beneficio económico. Introducen o medo, o egoísmo, a indiferenza e a desesperanza e fannos cómplices das súas estratexias. É duro ver a xente pobre que apoia a quen os empobrece ou que vota aos partidos que os prexudican. As elites quérennos insensibilizar, desconcienciar, desmobilizar e que non transformemos a sociedade para que todo fique como está.

Un sistema sen caras, sen nomes

Vivimos nunha sociedade onde a maioría da poboación está manipulada polas elites a través dos medios de comunicación, a precariedade laboral, os contratos, etc. E mesmo xustifican e apoian as elites responsables de tanta inxustiza. Temos dúas opcións: ou queixármos desas persoas, que se evaden en vez de loitar, ou querelas. Estas persoas son as vítimas do sistema. Fálase de que está a chegar unha nova crise, mais non temos claro onde, nin como, nin por que, pero o que teñen claro e quen a vai sufrir e pagar. Somos David contra Goliat e, fronte a isto, hai que ler para ter argumentos e desmontar as mentiras. Falamos do capitalismo pero non dos capitalistas, da bolsa, dos mercados, pero non dos investidores e financeiros. O banco non desafiúza, son os banqueiros. O sistema non ten caras nin nomes, por iso é máis difícil loitar. Ademais, as elites aguantan porque saben que o paso do tempo os favorece e que nos desanimamonos, cada vez somos menos, sempre os mesmos e perdemos a esperanza.

Espertar á esperanza

Pódese dicir que loitan quen teñen conciencia, non os quen máis o precisan. Aí radica o éxito da Teoloxía da Liberación, nesa capacidade para concienciar. Certo é que a Xesús non lle perdoaron que conciense o pobo. Nunha sociedade coma a nosa, nun sistema que se encarga de adurmiñarnos, un dos principais obxectivos que deberiamos ter é axudar a espertar; e , logo, que cada un tome as súas decisións. Temos que ser expresión do que queremos na sociedade ou, como dicía Gandhi, sermos o cambio que queremos ver, usando as fendas do capitalismo e aproveitalas. Os poderosos deste mundo teñen moita forza, mais non poden ter a derradeira palabra. A morte non pode ser o final. E, chegado o último momento, esperamos poder dicir “fixen o que puiden, cos meus erros e incoherencias”. E, mentres, seguimos amando, loitando, soñando e coidando a vida.