“Hai que admitir que mentres os humanos non poden saber absolutamente nada sobre Deus, as relixións afirman sabelo todo sobre el. As relixións escribiron bibliotecas enteiras para enumerar, explicar e dar a coñecer con todo luxo de detalles o que Deus é e pensa, o que fai, o que lle agrada e o que lle desagrada ou enfada. As relixións saben, por exemplo, o que Deus pensa da moda feminina, da comida, do sexo, da danza e da política. As relixións saben que Deus se pon moi molesto se non se respecta o sábado, o ramadán, a misa do domingo. Saben que Deus anóxase se as mulleres van á praia en tanga ou en bikini; se acoden á igrexa con escotes demasiado amplos ou saias demasiado curtas; se en Irán pasean sen veo ou en Paquistán sen burka. Saben que Deus está en contra do divorcio, do preservativo, do aborto, da fecundación in vitro, da ordenación das mulleres, da homosexualidade e do matrimonio entre persoas do mesmo sexo. Saben que Deus se amola moito cando dous homes ou dúas mulleres se aman, teñen relacións sexuais e cando os adolescentes desafogan mediante a masturbación.
Atopámonos, pois, cunha Igrexa que parece perder o sentido da realidade, a percepción das prioridades, a capacidade de poñer as cousas en perspectiva e de se decatar onde están os verdadeiros asuntos e problemas que hai que resolver.
Nun momento, no que a xente de todo o mundo sofre e morre por mor da avaricia os líderes da Igrexa dedícanse a falar de sexo, de preservativos ou do imposible acceso ao sacerdocio dos bautizados nacidos con vulva en lugar de pene
Nun momento no que o Planeta está gravemente enfermo, no que a xente de todo o mundo sofre e morre por mor da avaricia, da inxustiza, da pobreza, da violencia, do fanatismo, da ignorancia e da estupidez humana, os líderes da Igrexa dedícanse hoxe a falar de sexo, de preservativos, dos beneficios da virxindade e da castidade, prohibindo a “comuñón” aos divorciados que volven casar, medindo o longo das saias e a profundidade do escote das mulleres que visitan a Basílica de San Pedro en Roma, dedícanse a falar do dano que o uso da pílula ou do preservativo causan á alma, ou do imposible acceso ao sacerdocio dos bautizados nacidos con vulva en lugar de pene; do celibato obrigatorio dos sacerdotes, etc.”
Substituamos a relixión polo camiño que cada persoa ten que tomar. De feito, o camiño que todos e todas temos que facer é a peregrinaxe que percorremos desde que nacemos até que morremos, con todos os seus desvíos. A mensaxe dos evanxeos aparece esencialmente como unha práctica, unha acción, un compromiso, un estilo de vida que se realiza nas circunstancias concretas do tempo e do lugar en que cada un tece a rutina diaria da súa vida e convídanos a crer como Xesús, é dicir, a realizar unha forma de existencia inspirada no seu espírito, nas súas conviccións, na súa maneira de ser, de amar e de relacionarse co universo.
Extraído da obra de Bruno Mori “Por un cristianismo sin religión. Volver al camino después del colapso de la religión”
https://drive.google.com/file/d/1Yi87F_fDn5mL1KZtCpHKQI2QWx6C_-RH/view