Ao terminar un curso de formación e relixión cristiá para adultos nun barrio popular de Cochabamba en Bolivia, unha muller que asistía ao curso exclamou: “Diosito acompáñanos sempre”. Esta exclamación constitúe unha verdadeira profesión de fe, semellante á daquela muller que mentres Xesús falaba díxolle: “Ditoso o ventre que te levou e os peitos que te criaron!” ( Lc 11,27).

En Bolivia, como noutros países de América latina, o pobo é moi afeccionado aos diminutivos: o pan é “pancito”, o café é “cafecito”, o papá é “papito”, o soldado é “soldadito”, o cura é o “padrecito”, a relixiosa é a “madrecita”, mesmo o morto é un “muertito”. Estes diminutivos significan familiaridade, proximidade, agarimo, algo entrañable e sinxelo. Neste contexto pódese comprender que tamén Deus sexa chamado “Diosito”.

Chamar a Deus “Diosito” está moi lonxe de concibilo como o Primeiro motor inmóbil, a Causa das causas, o Ser necesario e Absoluto, o Ser do cal non se pode pensar nada maior, como o formularon filósofos helénicos ou escolásticos medievais. Non é tampouco o Deus tremendo e fascinante, nin o “totalmente Outro” dos fenomenólogos da relixión.

Tampouco é o Deus que algúns teólogos chaman o Misterio absoluto e sen beiras, o Deus sempre maior, o Deus inaccesible envolvido sempre na tebra da incognoscibilidade infinita. Non é o Deus “omnipotente e sempiterno” ao que invoca de ordinario nosa liturxia.

Menos aínda “Diosito” é o Yahvé terrible que se manifesta entre raios e tronos no Sinaí, nin é o Xuíz castigador implacable de moitas predicacións moralizantes ou da mesma pintura do xuízo final da capela Sextina.

Tampouco é o Deus do credo Niceno-constantinopolitano.

“Diosito” é un Deus próximo, familiar, bo, perdonador, misericordioso, que desexa que sexamos felices, que teñamos vida en abundancia. É o mesmo Deus a quen Xesús chamaba Abbá, é dicir “ papito”, mesmo nos seus momentos de angustia ante a proximidade da súa paixón ( Mc 14,36).

“Diosito” reflicte unha imaxe paterna e tamén materna de Deus, porque como di o profeta, aínda que unha nai se esquecese de seus fillos, el non se esquece de nós ( Is 49, 15).