No principio existía a Palabra, e a Palabra estaba onda Deus, e a Palabra era Deus.
Todo foi feito por ela, e sen ela nada se fixo do que foi feito. Nela estaba a vida, e a vida era a luz da humanidade; a luz aluma na tebra, e a tebra non a deu apagado. A Palabra era a verdadeira luz que aluma a todo ser que vén a este mundo. Ela estaba no mundo, e o mundo foi feito por ela, pero o mundo non a recoñeceu. ….E a Palabra fíxose carne, e plantou entre nós a súa tenda..
Evanxeo de Xoan 1,1-9,14 (tradución inclusiva fiel ao orixinal grego)
Muller de Kiev cociñando na rúa
Fonte: Vadim Ghirda/AP Photo
Percorre o mundo, nestes tempos, que seica son de novos comezos e festa, unha corrente fría e cheirenta
Eu vin a túa tenda varrida polos ventos atómicos de Nagasaki e Hiroshima que pulverizaron a milleiros de fillos e fillas únicas túas, mais non fomos quen de parar as fábricas de bombas; tamén a vin en Medellín, cabo das nenas prostituídas polos propios seus pais, das que todos saben e nada fan; xuraría que a vin no gueto de Varsovia, entre as vítimas atrapadas nun cárcere a ceo aberto, ratoeira xigante; e hai ben pouco, nunhas ruínas de Kiev, unha velliña cocía unha sopa incerta ao seu amparo; e esa mesma tenda aparecía retratada en Africa, alí onde “exportan” con que construír as baterías dos nosos coches ecolóxicos, e nela traballan enfermeiros e médicas sen parar… e ….cala… si… alá na terra primeira, que chamamos Terra Santa, así, coas maiúsculas e todo, a mesma tenda baixo a que se acubillan nenos e nenas de ollos redondos como de ollomoles, estarrecidos e perdidos que só a Túa Tenda pode acoller… porque nós estamos sendo incapaces de facelo.
Percorre o mundo, nestes tempos, disque de festa e recomezos, unha corrente fría e cheirenta que procura ocultar esa luz túa nos ollos de quen che temos lei -así, pequenamente, como podemos- como sempre foi. A historia existe, a proba é que se repite para darnos na cara coa súa verdade de carne… ferida, violada, picada, pisada.
Hoxe procúrote Palabra santa e amada, e fasme falla, cómpresme no cerne de todas as humanidades, do Anthropos do evanxeo, que é algo mais que “home”. Procuro a palabra que nos sande, que nos faga ver a luz e que nos achegue a esa Verdade da que o Fillo único está cheo e a Filla única tamén e todas as proxenies nacidas do amor, porque o amor é a materia prima de todo canto existe e porque só así podemos entender un pouco como o amor, que todo o pode, todo o ama, é a única verdade existente, en quen todo é… só así podemos acertar a entender o que significa facerse carne.
E significa aquí e agora dar vida ás nosas vidas para frear os autoritarismos todos que pretenden facerse coa Tenda e escurecer a luz …e evidenciar que son mentira; que son dor evitable e fracaso anunciado.
Pois nós temos verbas da Verba, temos beizos, temos mans, temos pés para termar desa tenda e repetir co poeta: Dino os soños e os paxaros: a morte non é certa (Uxío Novoneyra)