Oh! Divindade que es puro Amor, gozo, prosperidade e acollida!

Oh! O meu Xesús tenro e combativo, Cristo que desafiou as estruturas de poder que exclúen e oprimen aos seres máis desfavorecidos!

Oh! Espírito Santo, guíanos no noso camiño cara á liberación e a alegría, Ti que nos confires sabedoría, entendemento, fortaleza, creatividade, ciencia, razón e compaixón!

dolmen
A porta do alén, no monte Seixo

Recoñezo diante túa, Deus Pai/Nai/Ai, que somos persoas luminosas, completas e amadas sen facer acepcións por orixe, crenzas, liñaxe, corporalidade, identidade, expresión de xénero ou orientación afectivo-sexual.

Sinto que me impulsas a vivir en plenitude e liberdade, convidándome a ser unha persoa consciente, auténtica e responsable. Un servidor activo, enfocado como fiel discípulo teu, a alcanzar tanto a miña realización persoal como a colectiva.

Rogo que no meu camiño de compromiso como diácono da miña comunidade experimente sempre, de forma vívida e constante, que o divino habita en toda a Creación.

Axúdame a desafiar con amor e valentía as inxustizas, mostrando unha solidariedade radical e un firme compromiso na construción dun mundo máis inclusivo, esperto e xusto.

Axúdame, Xesús, a coidar e favorecer comunidades ecofeministas, inclusivas e abertas a todas as relixións, espiritualidades ou crenzas. Comunidades cunha dimensión espiritual que nos alente a revisarnos, detectando calquera forma de opresión ou desigualdade, loitando activamente e de maneira interseccional por unha realidade máis equilibrada e respectuosa coa natureza e con todas as súas formas de vida.

Por todas estas cousas, celebrarei cada día a beleza do diverso como expresión da divindade, e traballarei xunto a Ti na miña vida espiritual e terreal, servindo amorosamente, máis aló da miña morte física, onde me espera o teu abrazo.

Amén.

1 – Achega de Christina Moreira desde Roma, onde nos lembra a ordenación de tres diaconisas, un diácono (Txus García Pascual, de Catalunya do que se reproduce esta oración) e tres presbíteras, “nunha barca no Tíber o 17 de outubro de 2024, nunha cerimonia santa profundamente acolledora onde se falaron como mínimo tres idiomas e experimentamos a verdadeira catolicidade e a ledicia de Pentecoste”