Os teólogos explican que a resurrección de Xesús non é (non pode ser!) un acontecemento “histórico”, aínda que “toque” esta historia. Porque se o fose, daquela unha acción que só pode ser exclusiva de Deus, converteríase nunha acción coma as nosas. Co que Deus deixaría de ser Deus e quedaría posto ao nivel de calquera axente intra-histórico.
O que dixen significa que se a resurrección non é un acontecemento histórico (aínda que si “toca” a historia), tampouco a revolución pode ser un acontecemento histórico, por máis necesaria que siga sendo.
E agora escribo deliberadamente “revolución” porque esta é unha das palabras que mellor pode servir para unha pedagoxía do que é a resurrección. A súa pequena razón tiña aquel que dixo que sen “insurrección” non hai “resurrección”. Era como dicir que a transformación que a resurrección implica, non será un suceso histórico, pero afecta á historia. Vaia se afecta. Por iso a biblia empéñase en falar non do “ceo” -coma nós- , senón dos “novos ceos e a nova terra”.
Polo tanto, tocar a historia, marcala, afectala, “fecundala” se se quer. Máis nada, case que nada máis. Iso é o que podemos dicir do ceo.