I. MÁIS QUE NUNCA

Os tempos eran de crise
cando naceu nun cortello,
que non atoparon sitio
seus pais onde mellor telo.

Os tempos eran difíciles,
cando tiveron o Neno,
e houbo que emigrar axiña,
por ameazas e medos.

E aínda así, Deus encarnouse
e achegouse aos máis pequenos,
para sempre.

Aínda así, unha raiola
alumounos desde o ceo,
para sempre.

Aínda así, unha airexada
soprou con morniño alento,
para sempre.

Aínda así, Deus non se ausenta,
máis que nunca apoio certo,
para sempre.

II. O CAMIÑO DO NADAL

Houbo que escoitar aos anxos
que anuncian un salvador,
que pide axuda, calado,
compañía e protección.

Houbo que saír ao frío
e chegar ata un alboio,
para ver o picariño
que trae forza e consolo.

Houbo e hai… ¡Así é o Nadal!
Así o misterio divino,
así o encontro coa paz,
así hoxe o desafío.

III. GLORIA A DEUS POLO NADAL

¡Gloria a Deus polo Nadal,
que cante a creación!
María trouxo o neno,
agasallo celestial,
que enche de bendicións
a toda a creación.
Cantemos,
¡cantemos con amor!

¡Gloria a Deus polo Nadal,
Xesús é o salvador!
Con el temos camiño,
alento e fogar.
Cantemos ao pastor,
divino salvador.
Cantemos,
¡cantemos con amor!

¡Gloria a Deus polo Nadal,
Deus sempre está con nós!
Que fuxan xa os medos,
chegou o rei da paz.
Cantemos ao Señor,
fonte de bendición.
Cantemos,
¡cantemos con amor!

IV. MARABILLA

O anxo dixo a María:
¡Alégrate, chea de graza,
es nai dunha marabilla!
E o anxo dinos a nós:
sodes da mesma familia.

V. SORPRESA

¡Que pouquiño podía,
espidiño e tremente,
o fillo de María!
Pero deu paz á xente
que nel recoñecía
a Deus alí presente.

VI. CAMIÑO

No alpendre de Belén,
¡canta pobreza!
No suplicio da cruz,
¡canta tristeza!
Mais no amor de Xesús,
¡canta riqueza!

VII. CONEXIÓN

María acolleu o Verbo
que a ela lle dixo Deus,
e preñou toda de luz,
e así Xesús nos naceu…

¡Que gozo, se nós con ela
no máis profundo do ser
abrimos portas e medos
para sermos un con El!

¡Que ledicia tan preciosa,
se o Alento está a prender
lumieiras en nós,
tamén fillos de Belén!

No silencio e na pobreza
de Miriam de Nazaret
abrollou a sinfonía
do máis precioso querer.

Poucos sentiron o canto
do amor de Deus que tremeu,
cando unha moza lle dixo:
eu son túa e ti es meu.

Na pobreza e no silencio
conectamos co internet
que no fondo de nós mesmos
enche de paz o fardel.