«Cando fagades todo o que se vos mande, dicide: “Somos simples servidores; total non fixemos máis do que tiñamos que facer.”»
(Lc 17,10)

Coa comparanza
do que se acada,
coa fe pequena
como a semente
dunha mostaza,
Ti alimentas,
Xesús, bo mestre,
ese desexo
de medrar nela,
cando pedían
os teus apóstolos,
e nós con eles,
que nos aprendas
esa fe túa
que non caduca,
que non esquece
a dor do pobo,
e que resiste
nas ameazas,
que pretendían
acovardarte.

O gran portento
que a fe aporta,
non é o das feiras,
que deixa á xente
coa boca aberta
polo que asombra:
o que a fe dá,
e fortalece
caladamente,
máis ca unha crenza,
é un gran fogar
de Deus Pai-Nai,
que sempre ama,
de Deus Irmán
que en Cristo fala
e dá camiño,
de Alento vivo
de confianza
e creación,
de comuñón
e valentía,
que a andar nos chama.

É compañía
de Deus que pasa
e nos invita,
á gran tarefa
de ser familia
con toda a xente,
loitando firmes
con enerxía
e con paciencia,
desde o bo trato
polo mellor,
que inclúa a todos,
sen encollernos
como impotentes
diante dun grande
explotador.

É luz da boa
que non se esgota,
seguridade
de ser amados
e valorados.

Luz de consolo
e curación
de moitas chagas
que nos magoan.
Paz e perdón,
para que nós
tamén poidamos
ser curadores,
e redentores,
coma o Señor
que nos acolle.

Deus nos ensine
a ser humildes,
sen presumirmos
dos nosos logros,
ben convencidos
que todo é don,
para coidalo,
e agradecelo,
poñéndoo enteiro
a compartilo
no ben de todos.

Meu Deus querido
que a fe pequena
que hoxe me anima,
medre ata cruz
do irmán Xesús,
e así se faga
resurrección

Apertas de domingo