En decembro de 1933, Carl Jung estaba a responder, como era habitual nel, unha das múltiples cartas que lle chegaban á súa residencia suíza. Este prestixioso psiquiatra, fundador da psicoloxía analítica, recibía consultas que ían alén do estritamente académico. Pois unha persoa escribíralle coa intención que lle resolvese unha auténtica dúbida existencial: que tiña que facer para se comportar de maneira correcta na vida. Na resposta que lle enviou Jung, expuña con claridade o seguinte: “As túas preguntas non teñen resposta, porque o que ti queres é saber como vivir. As persoas viven como poden. Non existe un único, un camiño unívoco… Se isto é o que ti buscas, o mellor que poderías facer é unirte á Igrexa Católica, onde te van dicir que é que».
LEGO, creatividade e catecismo
Todas coñecemos a esta empresa danesa de xoguetes, mais concretamente polas súas pezas, bloques de plástico, a xeito de ladrillos de construción, coas se converteu nunha das principais empresas do sector. Das caixas con variadas pezas, coas que as crianzas estimulaban a súa creatividade, pasouse a un modelo, hai uns 20 anos, de propor modelos coñecidos (edificios, series e filmes) que non había máis que reproducir seguindo un manual de instrucións. Foi un auténtico éxito: medraron simplificando, mesmo contra a idea de creatividade que inicialmente promovían. E non deixo de pensar se non acontecería o mesmo nas diferentes confesións cristiás a partir da Idade Moderna, ao propor fronte a Biblia e outras obras de espiritualidade, manuais onde se presentasen de xeito sintético e claro os contidos fundamentais da doutrina cristiá. O sentido da vida, da fe, o que facer, guiado por un documento de preguntas cunha única resposta. Serían estas igrexas de catecismo as que lle recomendaría Jung na súa carta.
Preguntas e respostas
Pilato fixo chamar a Xesús e tiveron, segundo nos relata o evanxeo de Xoán, unha conversa marcada polas preguntas do prefecto romano. No relato vemos que Xesús non lle dá resposta nin á primeira nin á última. Da primeira, “De onde es ti?”, non toca falar hoxe. Mais Xesús foille dando resposta ás seguintes, até que resoou o silencio tras a última: “Que é a verdade?” (Xn 18, 38). Houbo alguén que me explicou que esa non resposta era a interpelación do evanxelista a todas quen se achegasen á súa obra: a verdade é todo isto que acabades de ler, a Boa Nova de Xesús recollida neste evanxeo. Que queres que máis che conte? A verdade son eu, é a miña vida. Mais por moito que nos guste, por moito que o releamos, agradecemos, tal cal o remitente de Jung, unha resposta clara, que nos indiquen cal é o seguinte paso, a seguinte cousa correcta que temos que facer. Pedimos un catecismo, de preguntas e respostas claras, renunciando á liberdade e creatividade que nos ofrece a Boa Nova.