«Se unha ensinanza fóra de toda escritura non admite a ensinanza dentro das escrituras, non é verdadeira ensinanza». Isshu Miura, mestre zen xaponés do século XX.
Sempre é bo achegármonos a outras tradicións relixiosas para profundar na comprensión e na vivencia da nosa. Hai que perderlle o medo: non é confusión nin sincretismo. Non é renuncia. Na nosa busca, no noso encontro con Deus, outras vivencias espirituais pódennos abrir novas vías. É a “descuberta dunha nova lingua”, en palabras de Ana María Schlüter, de quen tomamos a cita que abre esta Boa Nova e a que recomendamos vivamente ler.
Biblia e espiritualidade
Biblia e seguimento de Xesús, teoloxía e espiritualidade. Presentámolas moitas veces enfrontadas, cando son complementarias e necesarias. Escoitamos moitas veces a frase de Karl Rahner: “o cristián do futuro ou será un místico ou non será cristián”, e resaltaba: “sen a experiencia relixiosa interior de Deus, ningunha persoa pode continuar a ser cristiá no tempo baixo a presión do actual ambiente secularizado”.
E a isto debemos dedicar o noso tempo. Cada quen como quixer ou como puider. Este afondamento, esta vivencia espiritual non só precisa un compromiso persoal, senón estar marcado coma citas concretas no noso calendario.
Coñecermos a Biblia
Afondar na nosa vivencia espiritual non é doado, precisamos axuda, non podemos facelo sós. Ninguén o vai facer por nós, mais non imos ser quen sen axuda. Aquí a importancia de vivir a fe en comunidade.
Coa Biblia acontece algo semellante. Claro que unha investigadora, erudita ou unha persoa dada ao estudo das escrituras pode dominar e tentar comprender os textos bíblicos. Mais para o común de nós, este achegamento ás Escrituras será máis frutífero se é acompañado.
Existe un recurso na rede chamado Bible Project (https://bibleproject.com/espanol/). Nado nos EE.UU., é promovido por unha asociación sen ánimo de lucro que busca axudar ás persoas a experimentar a Biblia “como unha historia unificada que nos guía a Xesús”.
Promovido inicialmente por persoas vinculadas ao campo da ilustración e o deseño gráfico, isto vese na calidade dos materiais que acompañan os textos, tanto os vídeos que soben a Youtube coma os cartaces e ilustracións que resumen cada libro da Biblia. Mais tamén atopamos podcasts, blogs, clases ou outros recursos educativos.
Parten da idea de que se pode achegar a Biblia a todos nós e que esta ten o poder de transformar persoas e comunidades completas.
En galego
Dádelle unha ollada. Descubride a cantidade de materiais e o enfoque tan gráfico que aportan. Todo traducido a 50 linguas, entre as cales está o castelán.
Teñen canles abertas para continuar nesta tarefa. Por que non en galego? Neste maio das Letras Galegas, da Galicia infinda, a Biblia en galego segue a estar desaparecida, non só nos estantes das librarías, senón fundamentalmente na rede.
Espiritualidade e Boa Nova. Que non cha conten… vívea.