Estás disposta a reformularte as cousas sen medo? Si, esas que dis crer e que mesmo dis que te definen?

Quen foi Xesús de Nazaré, ese a quen dis seguir? Tes unha resposta?

Pódenos valer a resposta do que aparece no Novo Testamento, do que dixeron os seus dicípulos, do que escoitamos na catequese ou na misa, ou se es den quen gosta de ler, de todo o que foches aprendendo nos libros co tempo. Unha resposta aprendida, como a que os discípulos lle dixeron a Xesús cando os cuestionou sobre o mesmo. Mais Xesús insistiulles: “e vos quen dicides que son eu?” (Lc 9, 20). É unha pregunta que nos cuestiona diariamente, ante á que non ten sentido responder con respostas aprendidas. E non é exclusivo de quen se di cristiá, xa que noutras espiritualidades tamén se fan cuestionamentos. Que é ser budista? Que é o zen? Pois o monxe monxe S. Suzuki respondía que practicar a meditación zen é manter a mente de principiante, sempre aberta e atenta. Xa o escoitamos, quen non é para as persoas sabias, para esas que saben de todo, senón para quen se deixa cuestionar polo que non sabe, para quen parece que está destinada a boa nova de Xesús.

Acábase de publicar un libro do xesuíta belga Roger Lenaers, que podedes atopar dispoñible en internet de xeito gratuíto por expresa vontade do autor https://redesreto10.blogspot.com/2020/12/roger-lenaers-jesus-una-persona-como.html, que nos fai esta mesma pregunta: Xesús, unha persoa coma nós?

Pon en cuestión esa imaxe de Deus omnipotente que el considera crenza fundacional do cristianismo e que se mantivo até a actualidade. O autor pregúntase se é unha persoa como nós, ao que só pode aportar unha resposta ambivalente: si e non.

Anímanos a volver sobre os textos evánxelicos, sen medo, para discernir o que é histórico ou mito. Outros libros, como o “bestseller” de Pagola xa nos animara con honestidade neste camiño. E así expón que non houbo, ou non foi como o redactaron, nin nacemento virxinal en Belén, nin magos, nin fuxida a Exipto, nin todo ese relato da Semana Santa que tan acostumados estamos a revivir.

Desbrozado o mitolóxico e ahistórico dos relatos de Xesús, atrévese a descubrir a visión máis profunda e enriquecedora de quen foi Xesús. Somos quen, nós, de ousar a discernir entre o que temos de mito e o que non da nosa comprensión de Xesús?

En que fica a figura de Xesús sen mitos? Aí Laeners presenta a Xesús coma unha persoa coma as demais. E por que seguir, entón, a este Xesús? Porque nel observamos un caso humano onde o amor se expresou dun xeito incondicional, un modelo de amor libre e enteiramente desinterado. Unha emerxencia cultural, indica, a das relacións humanas que se basean na gratuídade. Na súa vida podemos ver a unión do divino e do mellor humano: poñer a outra meixela, perdoar sen límite, amar o inimigo, priorizar ás persoas vulnerables, non ter medo de andar coas persoas expulsadas ou menosprezadas na sociedade.

Que mellor tempo que Semana Santa para preguntármonos sobre quen dicimos que é Xesús.