Velaí vén, ten que vir, a Paz.
E co salmista, Señor da Paz, activamente pedímosche:
que nos seus días floreza a xustiza,
que cada día progrese o entendemento e o diálogo,
que se multipliquen os profetas da non-violencia,
que a naiciña terra sexa respectada e cultivada,
que as persoas se atopen e os pobos se solidaricen,
que as nenas, os nenos e os anciáns sexan queridos e valorados,
que as persoas paradas atopen traballo,
que ninguén, nin os de dentro nin os de fóra, se sintan estraños,
que non endeusemos as cousas nin compremos a felicidade nos mercados,
que as familias sexan coidadas e estimadas,
que deamos vida e defendamos a vida,
que non queiramos vivir por riba das nosas posibilidades,
porque non queremos que ninguén viva por baixo das súas necesidades,
que non queiramos ser felices a costa do sufrimento dos demais,
que saibamos vivir ao xeito do mestre de Nazaré, o Fillo das Benaventuranzas.