Hai pasaxes do Evanxeo que te chaman a atención. Un destes é o de Xesús entrando no templo de Xerusalén para botar fóra de alí a cambistas e mercaderes, coas súas mesas e gando incluído. Da historicidade destes feitos poucos dubidan, xa que aparece recollido nos catro evanxeos. O que a min sempre me chamou a atención era descubrir a unha persoa, Xesús, non un ser que flotaba por riba das augas, senón tiña e amosaba as súas emocións, como este enfado coa súa reacción. Enfado misericordioso e non violento, mais isto daría para outras Boas Novas.

Bolivia, suma e segue

A través do relatado nos seus diarios, saltou aos medios de comunicación o caso do sacerdote xesuíta español en Bolivia, que abusou sexualmente de 89 nenos en varios colexios onde desenvolveu a súa “acción pastoral”. E non foi o único, porque días despois sabiamos dun arcebispo español de La Paz, tamén xesuíta, acusado de pederastia. E así seguimos, aínda que sería inxusto dicir que non se avanzou nada. Xa non hai esa resposta inicial negando o cuestionando a veracidade dos feitos e os relatos das vítimas. Agora si que escoitamos declaracións contundentes dos actuais responsables das ordes relixiosas implicadas. Mais seguimos igual, non se percebe un punto de inflexión na erradicación destas condutas. E non se debe ás persoas,os comportamentos individuais de quen cometeron estes actos, ou á boa fe dos que tratan de actuar contra isto. Trátase da institución, se queredes pórlle o I maiúsculo, que permitiu, protexeu, encubriu e non actou contundentemente. Porque non son as persoas, é a propia institución a que está en xogo.

Non no meu nome: misericordia e profecía

Se volvemos con Xesús ao templo, a exéxese coincide que non hai que interpretar o seu coma un enfrontamento literal contra os mercaderes ou as actividades que eles desenvolvían, senón que se trata dun acto profético, revolucionario (en palabras de Sicre) de Xesús contra o templo, contra o seu xeito de institucionalizar a relixión, a relación das persoas con Deus. A Igrexa que hoxe temos, católica, apostólica e romana (das outras que se pronuncien os que tomen parte), tamén claramente heteropatriarcal e clerical, non pode promover o cambio que precisa. Nin con Francisco nin sen el. E non pasa nada, que como di Xesús, se cae o templo El o levantará en tres días. Agora entendemos que esta Igrexa (con I maiúsculo) non pode nin debe mediatizar a nosa relación con Deus. É contraproducente que o faga. Só me queda pedir misericordia e un chisco de profecía, para expresar que “non no meu nome”.