Estamos en verán. Unha estación ben singular do noso calendario, que nos invita a rachar coa monotonía, mesmo que non gocemos de vacacións laborais ou que iso da escola xa nos fique lonxe. Gostemos de quitármonos o saio ou non, é o momento do descanso, das viaxes, das festas parroquiais, das gastronómicas, da praia. É o parón no medio do ano, un punto e a parte, agardando un setembro que nos ofrece unha nova oportunidade de reinicio, de marcármonos novos obxectivos ou novos retos.

Descubrindo o Tempo Ordinario

Paradoxos do calendario, esta estación tan singular discorre co chamado “Tempo Ordinario” do calendario litúrxico. Posiblemente é ao que se lle presta menos atención, sendo o que ocupa máis tempo ao longo do ano.

Centrámonos nas festas, Pascua e Nadal, e nos tempos adicados á súa preparación, Advento e Coresma. Son os tempos fortes,concentramos nelas os nosos esforzos, vivindo estes momentos con máis atención. Quen non utilizou algunha vez eses 40 días da Coresma para facer unha mellora na súa vida de oración, un estudo máis detido da Biblia ou un compromiso para modificar un hábito? Quen non se animou en Advento para reiniciar a súa vida cristiá?

Con todo, máis da metade do ano, unhas 33 ou 34 semanas, temos un tempo onde non se celebra ningún acontecemento central da vida de Cristo. Dividido en dúas etapas, a primeira abrangue entre 5 a 9 semanas, situadas antes da Coresma, mentres que despois de Pascua sitúanse as outras 21 a 25 semanas. Intercaladas con algunhas festas, até a festividade de Cristo Rei, a Igrexa medita o Evanxeo, o misterio de Xesús, a súa predicación e ministerio previo á paixón. Para isto segue un ciclo trienal, o dos Evanxeos sinópticos, centrado en Mateo no ciclo A, Marcos no B e Lucas no C.

Aproveita a posibilidade de vivir a espiritualidade no Tempo Ordinario

Como aproveitar o Tempo Ordinario

Como lle sacar proveito a este tempo? Como o integrar na nosa vida cristiá? O Tempo Ordinario, máis da metade do ano!, é un momento que podemos aproveitar no noso proceso de crecemento persoal, de crecemento espiritual. Todo no que profundamos durante a Coresma e na Pascua, é agora o momento para poñelo en práctica.

Isto do seguimento de Xesús non consiste en buscalo por aquí, ou por alá, en vivilo ou circunscribilo a momentos centrais, “porque a verdade é que o Reino de Deus xa está entre vós” (Lc 17, 20–21). É no día a día, nesa ordinariedade, onde se nos ofrece a oportunidade para pór en práctica iso que celebremos na Pascua, no Advento ou na Coresma, a posibilidade de vivir a nosa espiritualidade fóra deses tempos fortes do calendario litúrxico.

E como aproveitar o Tempo Ordinario? Aquí te deixamos dúas propostas:

  1. Presta atención a eses momentos de tranquilidade, de calma, de non facer nada, que aparecen nos días de verán. Dálle unha oportunidade ao silencio interior, á oración, nuns momentos que ías ocupar co teu teléfono ou computador.
  2. Busca un momento para te preguntar a que te sintes chamada/o coma cristiá. Incorpora á túa vida, aos teus plans, aos teus obxectivos, ao teu proxecto vital, iso para o que te sintes enviada.

Como poderías profundar no Tempo Ordinario?

*Artigo inspirado no episodio do podcast “The Tightrope”, titulado Ordinary Time Resolutions.