Un dos problemas máis angustioso na cultura mundial hoxe en día é a falta de humanidade. Non miramos aos lados para ver o outro coas súas dores, procuras e necesidades. Consideremos como son tratados os emigrantes de Oriente Medio e de África que buscan a Europa por causa de guerras e da fame. Son rexeitados e fixeron do Mediterráneo un verdadeiro cemiterio. O mesmo destino tráxico sofren os milleiros de centroamericanos que buscan atravesar as fronteiras de Estados Unidos. A maioría é rexeitada, algúns morren e os nenos son postos en gaiolas, coma se fosen pequenos animais famentos.

Tal vez non poidamos facer moito, pero ás veces basta unha mirada compasiva, unha palabra de consolo, un sorriso verdadeiro, un toque na pel do outro para comunicarlle que somos irmáns e irmás, expresións da mesma humanidade.

Neste contexto rescatamos o mellor que o mundo xa xestou: o Fillo do Home que se revelou como a presenza humana de Deus entre os humanos: Xesús de Nazaret.

Máis que entregarnos verdades, Xesús ensinounos a vivir os valores que daban corpo ao seu gran soño, o Reino de Deus, un reino de amor incondicional, de solidariedade ilimitada, de compaixón, de servizo aos máis humillados e ofendidos e de apertura total a Deus-Abba (“papá”, como el o chamaba).

Estaba sempre á beira daqueles que tiñan menos vida, os leprosos, os cegos, os psicoloxicamente afectados (na linguaxe da época, os posuídos do demo), os enfermos e ata os mortos. El mesmo dixo: “vin traer vida e vida en abundancia” (Jn 10,10). Por opoñerse ao tipo de relixión da época, ritualista e farisaica, e por revelar unha nova cara de Deus, de infinita misericordia e perdón, amando a todos, “ata aos ingratos e malos” (Lc 6,36), crucificárono fóra da cidade, símbolo de rexeitamento absoluto. Deixou dito algo extremadamente consolador: “Se alguén vén a min, non lle direi que marche” (Jn 6,37). Podía ser unha adúltera, un herexe, xente de mala fama: a todos acollía e saían consolados.

El mostrou unha humanidade radical, ata o punto de que os apóstolos e discípulos, considerando que “pasou pola vida facendo o ben” (Mc 7,37) e que vencera a morte pola súa resurrección, non sabendo como definilo, acabaron dicindo: Humano así, como Xesús, só Deus mesmo. E empezaron a chamalo Fillo de Deus e Deus na nosa carne quente e mortal.

O seu humanismo radical botou raíces profundas na humanidade. Ese humanismo universal e sen ningunha discriminación poderá devolvernos a nosa humanidade, cuberta de cinzas polo individualismo, polo egoísmo, pola insensibilidade, pola falta de compaixón e pola ausencia de coidado duns a outros, á nosa Nai Terra e aos seres que viven nela.