Creo no Deus liberado do Vaticano e de todas a relixións existentes e por existir.
Deus que precede todos os bautismos, preexiste aos sacramentos e desborda de todas as doutrinas relixiosas. Libre dos teólogos, derrámase graciosamente no corazón de todos, crentes e ateos, bos e malos, dos que se xulgan salvos e dos que se cren fillos da perdición, e dos que son indiferentes aos abismos misteriosos da postmorte.
Creo no Deus que non ten relixión, creador do Universo, doador da vida e da fe, presente en plenitude na natureza e nos seres humanos.
Deus ourive en cada ínfimo elo das partículas elementais, da requintada arquitectura do cerebro humano ao sofisticado entrelazamento do trío de quarks.
Creo no Deus que se fai sacramento en todo que aproxima, atrae, enlaza, abraza e une – o amor.
Todo amor é Deus e Deus é o real. En se tratando de Deus, ben di Rumî, non é o sedento que busca a agua, é a agua que busca o sedento. Basta manifestar sede e a agua mana.
Creo no Deus que se fai refracción na historia humana e rescata todas as vítimas de todo poder capaz de facer o outro sofrer.
Creo en teofanías permanentes e no espello da alma que me fai ver un Outro que non son eu. Creo no Deus que, como a calor do sol, sinto na pele, sen no entanto conseguir fitar ou agarrar o astro que me aquece.
Creo no Deus da fe de Xesús, Deus que se aniña no ventre baleiro da mendiga e se deita na rede para descansar dos desmandos do mundo.
Deus da Arca de Noé, dos cabalos de fogo de Elías, da balea de Xonás. Deus que extrapola a nosa fe, discorda de nosos xuízos e ri de nosas pretensións; enfádase cos nosos sermóns moralistas e divírtese cando noso destempero profire blasfemias.
Creo no Deus que, na miña infancia, plantou unha acacia en cada estrela e, na mocidade, enciumouse cando me viu bicar a primeira namorada.
Deus festeiro e rexoubeiro, el que creou a lúa para enfeitar as noites de deleite e as auroras para enmarcar a sinfonía pasaxeira dos amenceres.
Creo no Deus dos maníacos depresivos, das obsesións psicóticas, da esquizofrenia alucinada.
Deus da arte que ispe o real e fai a beleza resplandecer chea de densidade espiritual. Deus bailarín que, na punta dos pés, entra en silencio no palco do corazón e, iniciada a música, arrebátanos á saciedade.
Creo no Deus do estupor de María, da xornada laboral das formigas e do bocexo sideral dos buracos negros.
Deus despoxado, montado nun burro, sen pedra onde recostar a cabeza, aterrorizado pola propia fraqueza.
Creo no Deus que se esconde no reverso da razón atea, que observa o empeño dos científicos por lle descifrar os seus xogos, que se encanta coa liturxia amorosa de corpos excretando sumos a embriagar espíritos.
Creo no Deus intanxible ao odio máis cruel, ás diatribas explosivas, ao hediondo corazón de aqueles que se nutren coa morte allea.
Misericordioso, Deus se agacha á nosa pequenez, suplica por unha suave masaxe e pide colo, exhausto ante a profusións de parvadas humanas.
Creo sobre todo que Deus cre en mi, en cada un de nós, en todos os seres xerados polo misterio abisal de tres persoas enlazadas polo amor e cuxa suficiencia desbordou nesa Creación sustentada, en todo o seu esplendor, polo fráxil fío do noso acto de fe.