A carta leva o apoio da Revolta das Mulleres na Igrexa – Alcem la Veu e doutros grupos de mulleres feministas cristiás.
As mulleres feministas da Igrexa alzamos a nosa voz apoiando e sostendo as palabras de Monseñora Mariann Budde, unha muller valente que nos fai sentirnos orgullosas pola súa defensa profética da igualdade e a dignidade de todas as personas.
Seguimos camiñando ata que a Igualdade, a Xustiza e o Coidado da casa común sexan costume!!
Estimada e apreciada monseñora Mariann Budde,
Somos mulleres feministas católicas que traballamos na nosa Igrexa pola igualdade entre homes e mulleres.
Son tempos difíciles os que nos toca vivir, tempos nos que a supremacía (branca, cis-heteropatriarcal ou de calquera outro tipo) e a polarización avanzan e se estenden por todos os países que se din democráticos, tanto en América como en Europa.
Parécenos revelador e alentador o feito de que no seu país existan plataformas como Faithful America, que reúnen diferentes confesións relixiosas para argumentar e desmontar, desde a nosa vivencia da fe, eses nacionalismos mal chamados cristiáns que, en todo o mundo, desvirtúan e tergiversan as palabras de Xesús e a nosa fe para defender posicións políticas extremistas e que fomentan o odio.
O motivo desta carta é agradecermos as súas valentes palabras na homilía do pasado 21 de xaneiro na catedral de Washington. Apreciamos e agradecemos a súa voz profética, que recoñecemos habitada pola Ruah, o seu ton pausado, capaz de se alzar sen estridencias para defender a verdade e sostela desde o Evanxeo.
Como mulleres, somos conscientes da dificultade que entraña chegar a ser bispa na capital dos Estados Unidos e da valentía necesaria para se dirixir ao novo presidente da súa nación nos termos nos que vostede se expresou.
Coincidimos con vostede na importancia da unidade como base firme sobre a que se debe soster un Estado, na importancia de neutralizar e superar a polarización que nestes momentos se vive a nivel global, na necesidade de abrir espazos de diálogo e deixar de considerar como inimiga aquela persoa que pensa de xeito diferente. As comunidades humanas debemos saber incluír a todas as persoas, sen excepción de ningún tipo, máis aló das diferenzas económicas, culturais, sociais, relixiosas ou sexuais.
A misericordia de Deus derrámase sobre todas as persoas sen distinción. Como mulleres crentes, vivímonos testemuñas e portavoces desa misericordia. Desde ese amor derramado en nós e desde a pedagoxía de Xesús de Nazaret, non podemos permitir que as diferenzas se convertan nun motivo de exclusión, provocando sufrimento e angustia nos colectivos máis vulnerables. Apostamos firmemente pola tenrura como motor das relacións humanas. Por iso apoiamos sen fisuras as súas palabras, que agradecemos profundamente.
Seguimos camiñando na procura dunha Igrexa e dun mundo que sexan, cada vez máis, comunidade de iguais, Ekklesia que avanza na construción do Reino de Deus.
Grazas, irmá!
Asociación Mulleres Cristiás Galegas Exeria
Rede Miriam de Espiritualidade Ignaciana Feminina
Apoian este escrito:
Tras las huellas de Sophia (México)
Revolta das Mulleres na Igrexa de Vigo, Lugo, Zaragoza, Cantabria, Navarra, Granada, Tenerife, Alicante, Madrid, Cabra, Huesca, Gran Canaria, Vitoria-Gasteiz, A Rioxa, Salamanca, Bilbao, Murcia, Badaxoz, Valladolid, Almería, Córdoba, Cádiz, Alcem la Veu Barcelona, Menorca, Valencia.
Mulleres na Igrexa de Burgos pola igualdade,
Mulleres e Teoloxía de Zaragoza, Cantabria, Sevilla, Cabra
Emakumeen Aldarria Guipuzkoa
Elizandrea
Donnes Creients Valencia
Mulleres en Diálogo CVX España
Mulleres Católicas Presbíteras, ARCWP Europa
* Neste enlace de El País podedes ler o discurso íntegro de monseñora Mariann Budde
https://elpais.com/us/2025-01-22/el-discurso-integro-de-la-obispa-mariann-edgar-budde-que-molesto-a-trump-por-pedir-piedad-para-los-migrantes.html?utm_source=chatgpt.com
En Youtube: https://www.youtube.com/watch?v=5qnB1FU7q_g&t=3s