Hai algo de extraordinario no feito de que a cultura cristiá louve a figura do meniño Xesús. Ese Deus bebé, que provoca un amor enraizado no máis puro da natureza humana, sintetiza no seu berce a profunda revolución que o cristianismo levou a cabo a respecto da tradición xudaica..
Por vez primeira, a imaxe e a palabra de Xesús puxeron a énfase no amor de Deus, e non no seu poder; por primeira vez, as sociedades humanas foron chamadas a inclinarse non ante o señor do lóstrego ou ante un tirano a cabalo, mais perante a extrema fraxilidade dun meniño acabado de nacer. Un meniño pobre parido nunha corte e un home fraco torturado ata a morte son as principais imaxes que nos faremos de Cristo. A súa adoración é un convite verdadeiramente subversivo a santificar a vulnerabilidade, que é -se cadra- o único que compartimos todos os seres humanos.
o Nadal é un convite subversivo a santificar a vulnerabilidade, que é o que comparte toda a humanidade
As culturas de influencia católica -e significativamente a galega- enxalzan a carón do neno a figura da súa nai. O fillo de Deus podería ter vido á terra xa adulto e transportado por un resplandor divino, mais a historia quere comezar cunha muller santa que empreña. A grande festa do cristianismo podería ter sido en conmemoración do bautizo de Xesús por parte de Xoán, mais éo na lembranza de que María o pariu en Belén. É unha maneira fermosísima de simbolizar o papel central que a maternidade xoga na Vida.
Acontece, porén, que ese papel esta cada vez máis ausente das vidas que constrúe a moderna sociedade de consumo, onde a referencia simbólica da sagrada familia foi substituída pola do eterno adolescente. Por primeira vez na historia, a adolescencia -esa idade na que non se é nin rapaz nin adulto, na que non se está suxeito nin á autoridade dos pais nin á responsabilidade dos fillos, caracterizada por unha ausencia de vínculos fortes- tense erixido no modelo social do que é unha vida desexábel.
O que define o adolescente é que nin coida de ninguén nin necesita xa ser coidado por ninguén, e o seu atractivo actual fica patente no feito – antropoloxicamente asombroso- de que tanto unha crianza de 10 anos como unha persoa de 40 queiran vestirse, comportarse e vivir coma se tiveran 20. Casualidade ou non, no noso mundo moderno as nenas e nenos son cada vez menos infantís e os adultos cada vez menos sabios, e a forma de vida que colma as aspiracións da maioría parécese bastante á dun universitario nun habitar de estudantes: impugnando toda autoridade, gastando sen sentido, comendo mal e destruíndo o lugar que habitamos sen importarnos como o encontrarán os que virán despois. Se é que nos apetece que veñan. Porque resulta que a sociedade máis consumista de todos os tempos é tamén a que menos crianzas pare e coida, e non é por acaso. Aínda haberá quen pense que no noso país a natalidade é baixa por motivos económicos, sen prestar atención á escala de valores perversa dunha xeración entre a que está mellor visto renunciar a ter fillos do que renunciar a viaxar.
o mundo ten déficit de oxitocina (a hormona do coidado), e exceso de adrenalina (a hormona da competición)
A crise da natalidade é máis do que un problema demográfico: é un problema antropolóxico, con causas e efectos nos valores, o sentido e a forma de vida de toda unha sociedade. O que o cristianismo expresa resaltando o carácter divino dunha nai que pare feliz no medio da adversidade, o obstetra Michel Odent explicouno en termos bioquímicos (porque hoxe entendemos mellor a linguaxe científica que a simbólica): o noso mundo ten déficit de oxitocina (a hormona que se segrega durante o parto e o aleitar, responsábel da promoción de comportamentos de coidado e cooperación), e exceso de adrenalina (a hormona que nos dispón para a competición e a fuxida, e cuxa segregación inhibe o parto natural). O consumo é a vía que o capitalismo habilita para canalizar de forma lucrativa esa ansia impulsiva de competir permanentemente contra o veciño, contra o irmán, contra un mesmo. Mais consumir é, case etimoloxicamente, o contrario de coidar.
A celebración do Nadal chámanos a facer dos coidados o centro da Vida. Por iso un centro comercial é o antagonista simbólico daquel portal de Belén. As nenas e os nenos, que sempre ocuparon un lugar privilexiado na festa, encarnan a vulnerabilidade e o futuro, así como a promesa de mellora e salvación. O Nadal é, en definitiva, unha data especialmente indicada para tomarmos consciencia das cousas fráxiles e fermosas que nos fan humanos (os corpos, as relacións, as culturas, os territorios…), e dar grazas a Deus pola oportunidade que nos brinda de conxurarnos para vivir amándoas e coidándoas con colos, abrazos e, se for necesario, uñas e dentes.
Miguel Garcia
(Preso independentista galego)
Prisión da Lama