E xa estamos aquí de novo na Festa da Candelaria, aínda que por pouco non a pillo… Así é que subín do buzón de correos a revista Irimia e como agora ben máis espazada no tempo, e como hai anos –desde que deixou de celebrarse en Galegos- que non participo, e iso que foi alí onde a miña dona e máis eu coñecemos a Pepe Chao. Presentámonos alí como xente nova e estraña, a ver que era iso que leramos a través da revista. Bergondo quédanos a uns cinco quilómetros da casa. Resulta que ese mesmo día antes de xantar mirei por riba a publicación –teño a manía de empezar a ler os xornais por atrás- e así foi, con gran sorpresa, que vin a programación da celebración… Xa non me daba tempo para compartir –como en tantas celebracións- o xantar. Con todo, ilusionado, a pesar do día crú de inverno, propúxenme acercarme para saudar tan boa xente e xuntarme á celebración. E así foi, pois levaría un desacougo e pesar se non asistise por pasar a ocasión.
Foi un pracer saudar e recibir aprecio dos coñecidos e poder conversar con persoas que coñecín neste primeiro encontro. Xa todo disposto, cunha longa mesa central con velas apagadas, que pouco a pouco foron alumando, mentres que quen as prendía facía ía pedindo, mediante unha plegaria ou petición, ante os que estabamos sentados en cadeiras, ao redor, simultaneamente acompañados pola música dunha guitarra e con cantos e lecturas. E así, pouco a pouco, coa calor da moderna estufa e cóvado con cóvado, foi rematando o encontro coa música e letra da canción: “…aínda que fale… se non teño… nada son”. Fóra, o vento recio e o frío acaneaba o atrio deste mosteiro de San Salvador de Bergondo. A min veume a imaxe e recordo de cando eu era pequeno e viña do mar de noite, só había unha luz na costa de Miño e era esta coa que nos orientabamos. A bordo, un farol cun anaco de vela dentro para evitar calquera tipo de abordaxe. Pola noite, nos camiños da aldea, empregábase un fachuzo de pallas de centeo… Hoxe hai tantos puntos de luz que nin fan nin deixan rastro.
Eu non encendín ningunha vela, pero aproveito isto para formular a miña petición: para todos os que alí estabamos e para os que non puideron asistir, os meus mellores desexos de felicidade, paz e amor. Que o ano novo sexa e siga para todos de graza e saúde como persoas importantes que sodes. E aquí quedo coas miñas arrugas.