O autor do artigo “Indignacións: material para un conto de Nadal” despáchase con desenfado ao redor do labor que fan “as escolas privadas concertadas, na que están Escolas Católicas, xunto con outras que son puras empresas”, segundo el. Un artigo escrito, ao meu entender, desde os prexuízos e desde un total descoñecemento do que son hoxe Escolas Católicas, tanto a institución como os 115 colexios que esta federación representa na nosa comunidade.
En primeiro lugar, desexo subliñar que as Escolas Católicas son centros que, legalmente, forman parte da rede educativa: centros públicos e centros concertados; tanto unhas como as outras están sostidas cos fondos públicos que pagamos todos os contribuíntes -os da concertada católica tamén, non o esquezamos-. E, por suposto, unhas e outras réxense polas mesmas normas de admisión de alumnado.
A idea de gratuidade e de centros abertos dos nosos fundadores sempre permaneceu no ánimo e sentimento dos relixiosos
Que o autor diga cousas como que “deixan en mans da pública os rapaces inmigrantes e os de baixos recursos” non pasa de falar por non estar calado. A Consellería e o propio Goberno de España admiten, e así o demostran os datos -que son públicos-, a través de distintas declaracións, que os centros que teñen máis alumnado escolarizado con necesidades educativas especiais así como inmigrantes e rapaces con baixos recursos na nosa comunidade son os centros A Grande Obra de Atocha, na Coruña, e Nª Sª dos Remedios (As Orfas), de Santiago, na provincia da Coruña e podemos tamén falar das outras provincias.
Tampouco estou de acordo, e paréceme un descoñecemento total da historia, con iso de que “as escolas católicas se sitúen nas cidades e normalmente no centro”. Arzúa, Castiñeiras, Escarabote, A Pobra do Caramiñal, Fisterra, Noia, Pontedeume, Betanzos… só na provincia da Coruña, póñeno en dúbida. O feito de que moitos deles se encontren na actualidade no centro débese, fundamentalmente, á súa antigüidade e que os núcleos de poboación foron medrando cos anos e rodearon os colexios.
En segundo lugar, quero pensar que non é mala vontade senón tamén ignorancia o falar do “abismo que hai entre todo iso e os carismas fundacionais dos Bosco, Lestonnac, la Salle, Champagnat…”. En momentos en que os estados se despreocupaban da educación foi a Igrexa, a través destes esforzados e audaces personaxes quen se dedicou á educación e á formación de nenos, de nenas e da mocidade máis desfavorecida. As súas escolas estaban financiadas por concellos, padroados, confrarías, asociacións piadosas, empresas eléctricas, mineiras… (caso especial en Asturias, onde La Salle chegou a ter 13 escolas para os fillos dos mineiros). Esta situación foise mantendo ata a metade do século XX. Cos anos, moitas destas entidades foron desentendéndose do mantemento das escolas o que, unido ás solicitudes por partes das familias da educación secundaria para os seus fillos levou a transformar algunhas escolas en colexios de pagamento, pois non dispoñían de axudas estatais de ningún tipo -e hoxe tampouco sufragan gastos como comedor ou transporte-, para poder dar educación de calidade e manter os seminarios e centros de formación das congregacións relixiosas. Con todo, a idea de gratuidade e de centros abertos a todas as familias dos nosos fundadores sempre permaneceu no ánimo e sentimento dos relixiosos e doutros creadores de centros de iniciativa social. A proba disto é que, cando na metade dos anos 80, se comezan a implantar os concertos educativos, a gran maioría dos nosos centros acolleron con decisión esta oferta, pois entenderon que o concepto de liberdade se estendía tamén á liberdade de elección de centro por parte das familias, de todas as familias. A partir de agora, podían escoller, libremente que modelo educativo, gratuíto, querían para os seus fillos. Todos os colexios de Escolas Católicas de Galicia son concertados. Para botón de mostra, La Salle: con 101 centros de Primaria e Secundaria en España, soamente 1 non está concertado. Teño a certeza de que os nosos fundadores aplauden esta decisión.
En terceiro lugar, no aspecto que afecta ao idioma galego, quero lembrar o dato de que a maioría dos relixioso/as non eran galegos e descoñecían o idioma do país, o que en parte desculpa. Con todo, quero destacar que a institución Escolas Católicas leva comprometida co galego desde a súa fundación empregándose, por exemplo, tanto na súa documentación interna como externa; por outra parte, no ano 2004 elaborou un Plan de Normalización Lingüística para os seus centros, enfocado a profesorado, alumnado e familias; creáronse os Equipos de Normalización de Zona (7) para dinamizar o galego no profesorado e nos centros – adiantándose 6 anos á Consellería-. Dito Plan recolle a realización de numerosas actividades e proxectos ao redor da normalización da lingua galega. Unha das primeiras actividades foi a implantación da celebración das Festas da Lingua, implicando a toda a comunidade educativa e que acabaron converténdose en exemplo de relación intercentros. Co andar dos anos fóronse implantado a Xornada de Normalización Lingüística, a formación do profesorado, o envío de Remol -comentario do evanxeo dominical-, oracións e diverso material para traballar o ámbito Pastoral; o Festival de Panxoliñas, o Premio literario Frei Martín Sarmiento, e concurso de Curtametraxes REC.curta… Unha das últimas accións, a creación do Premio Irmán Reboiras ás mellores iniciativas de fomento do galego, co obxectivo de recoñecer o labor do profesorado e dos colexios neste ámbito.
E tamén saliento que no ano 2010, cando se implantou o Decreto para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, Escolas Católicas amosou publicamente a súa desconformidade, dado que entendía que as tres linguas non estaban nas mesmas condicións e que o Decreto debería favorecer a que estaba en inferioridade, neste caso, o galego. Chovéronlle moitas críticas de parte da Administración e desde outras entidades.
O falar non ten cancelas e cómpre liberarse do descoñecemento e de prexuízos que non se corresponden coa realidade actual. As Escolas Católicas hoxe, guste ou non, son sinónimo de “calidade de ensino” e entendo que calquera persoa comprometida coa liberdade, defenderá tamén a liberdade de elección de centro escolar por parte das familias para que toda persoa -de distintas crenzas, con máis ou menos recursos, inmigrante ou non, con máis ou menos necesidades educativas…- poidan elixir que tipo de educación gratuíta -pagada por todos os españois e reitero, tamén polos pais da concertada católica- queren para os seus fillos -evidentemente, dentro do marco legal establecido- sen ningún tipo de pexa económica nin administrativa. As Escolas Católicas actuais non só comparten un mesmo apelido, católico, senón os mesmos compromisos: personalización da educación, acompañamento vital do alumnado, busca e promoción dos seus talentos, innovación pedagóxica e educación en valores desde o Evanxeo e, por suposto, seguirán apoiando con agarimo e creatividade o fomento no uso da lingua propia da nosa Terra. Só me queda animarvos a visitar calquera dos nosos colexios para comprobar, in situ, o que acabo de dicir.
Xosé Fco. Martínez Reboiras
Secretario Autonómico de Escolas Católicas nos curso 2006 a 2014