Eu tamén asistín. E xa vai de tres romaxes nas que participei nesta Terra Chá: en Santa Isabel, na beira do Miño coas súas pesqueiras, en Muíño; en Pena de Rodas e na Pastoriza. Que ledicia desde aquel que foi o primeiro para min, aló no faro de Chantada, no corazón de Galiza. Como o lembro! E tamén o seu lema “Ergo os meus ollos”. Desde aquela eu subo cada ano soíño como Moisés ao monte cando o 8 de setembro alí fan a romaría. As romaxes enchen o corazón.
E xa na acollida fomos agasallados con anaquiños de queixo minguadiños, cremosos, branquiños e frescos.
Xa nos metemos de cheo na celebración, unidos aos gaiteiros, entre cantos, poesía e diálogos.
Nos momentos da consagración, con todo respecto e silencio, con atención seguimos os xestos, verbas e feitos de Xesús de Nazaré na última cea cos que con el estaban… Admirables! Respecto e participación emocionante.
Seguidamente con música, cantos e poesía veu o “Berro seco”, competicións con tanta forza e intensidade que se escoitou por toda a carballeira, chegando a turbar as tranquilas augas superficiais do río Magdalena, “encantado” e adormentado…
O ramo dos crentes galegos foi recollido e entregado para a vindeira romaxe aos de Santa María de Arzúa. Co diálogo do crego e a romaxe e a danza da Rumboia, xa nos dispoñemos co prefacio e o Pai Noso; escoitamos con respecto e silencio as verbas e feitos de Xesús na derradeira cea.
E xa vén o xantar compartido. Que cousa máis fermosa! Con apetito e boa compañía, en paz e harmonía… Que bo e fermoso! Ver as mesas espalladas pola carballeira, todas cheas de xentiña. Como cando eu era pequeno, cos meus avós e padriños, José (soldado na guerra en Filipinas e logo fogoneiro e máis tarde pescador) e Rosa, nai de oito fillos, que tiña os ollos tan bonitos, pero non vían. Cando ían de romaría levaban unha cesta de productos do mar, da terra, do cortello e/ou galiñeiro. Eu tamén aprendín deles. Na miña cestiña ían cousas do mar e da terra.
E veu vindo a hora da festa e xa chegou a oración foi na beira do río, con todos os alí presentes participando. Non había barca como nos tempos de Xesús.
Xa o sol declinaba neste día tan soleado e de verán.
Veña música e poesía. Paseino moi ben con Carmela, Sara e os dous amigos e amiga irmáns. Pareceume que non houbo tanta xente coma na Romaxe do Faro.
Atopamos moi contentos con irimegos doutras romaxes. Dá gusto estes encontros, como facían antes os nosos devanceiros acudindo ás feiras ou aos adros.