A veciñanza de Monforte protesta contra o ataque.
As loitas partidistas só xeran máis indefensión
A mecha do racismo prende con facilidade cando se normalizan mensaxes que deshumanizan e estigmatizan. Este ataque prodúcese nun contexto de crecente discurso de odio contra persoas migrantes, especialmente menores, alimentado por sectores políticos e mediáticos que criminalizan a infancia estranxeira e sementan medo entre a veciñanza.
Desde a Irmandade Obreira de Acción Católica de Galicia (IOAC) queremos manifestar que:
- Condenamos rotundamente e sen matices este acto violento e racista, que pon en risco a convivencia e a seguridade de menores xa de por si vulnerables.
- Mostramos a nosa solidariedade coa entidade Prodeme, coas persoas traballadoras e coas crianzas que previsiblemente ían ser acollidas neste espazo.
- Pedimos que as administracións públicas actúen con firmeza, garantan a protección real e efectiva dos menores e eviten crear guetos que, lonxe de integrar, illan e estigmatizan. Defendemos un sistema de protección público que estableza modelos de acollida diferentes, que promovan a inclusión e a dignidade de todas as persoas.
- Chamamos á responsabilidade dos medios de comunicación, da veciñanza e das persoas representantes políticas no tratamento deste tema, porque non todo vale. As loitas partidistas libradas a costa da infancia migrante só xeran máis indefensión e inxustiza. A infancia merece respecto, protección e oportunidades.
- Lembramos que Galicia é terra de acollida. Somos un pobo emigrante, con memoria e dignidade, e non podemos permitir que o racismo se instale nin nos nosos barrios nin nas nosas institucións.
A Convención sobre os Dereitos do Neno (1989), ratificada polo Estado español, recoñece que todas as crianzas teñen dereito á protección especial, ao benestar e ao desenvolvemento integral, independentemente da súa orixe ou situación administrativa. O ataque en Monforte vulnera directamente estes principios fundamentais.
A Doutrina Social da Igrexa recórdanos que: «O desenvolvemento non se reduce a un simple crecemento económico. Para ser auténtico, debe ser integral, é dicir, promover a todos os seres humanos e a todo o ser humano» (Populorum Progressio, 14). Por iso, reafirmamos que cada persoa é imaxe de Deus e posúe unha dignidade inviolable que merece respecto e protección.
Desexamos unha convivencia baseada no respecto, na solidariedade e na xustiza social!