En outubro tivemos a sorte de celebrar o 50 aniversario da chegada das dominicas da Anunciata ao noso barrio de Coia e á nosa parroquia do Cristo da Vitoria (Vigo). Todas as persoas que nalgún momento compartimos con elas o camiño estabamos convidadas a dous actos moi xeitosos: unha mesa redonda o sábado 25, seguida dunha merenda-cea, e unha celebración eucarística o domingo 26 preparada polas comunidades e cun especial protagonismo das nosas irmás Carmen, Marisa, Marimar e Ildete, e coa lembranza de Marina, que nos acompaña desde o ceo. Tamén estiveron con nós a priora xeral da congregación, a provincial, o bispo e persoas de distintas comunidades, asociacións e grupos relacionados dalgún xeito con elas, así como compañeiras doutras congregacións.
Acto celebración 50 anos Dominicas de la anunciata
Fixemos lembranza do percorrido destes 50 anos, desde 1975, tras o Concilio Vaticano II, no que viñeron vivir en comunidade, insertas no medio popular e implicadas nos problemas do contorno, que naqueles primeiros anos significaban reivindicar colexios, centro de saúde, semáforos, autobús, parques etc., nun barrio obreiro que acababa de nacer e tiña pisos e xente pero carecía de infraestruturas. E así, xunto cos dominicos —cos que estudaban, rezaban e programaban o quefacer nunha misión compartida—, desenvolvían un compromiso social moi forte cunha especial atención cara ás mulleres, coa alfabetización e cultura básica e coa creación da asociación de mulleres Dorna.

Tiñan un compromiso social moi forte cunha especial atención ás mulleres

Esa experiencia de vida relixiosa fraterna, na que dominicas e dominicos compartían comidas, tempo e traballo, non é sinxela e resultaba revolucionaria, incluso para os estudantes que os visitan e se asombran desa relación igualitaria, na que elas non eran axudantes nin asistentes deles.

A xente nova experimentaba que a parroquia era un lugar seguro onde compartir con iguais e tamén reivindicar e loitar por un mundo máis xusto, e iso podía facer a vida máis feliz. E así aprendemos empatía, respecto, corresponsabilidade, a vivir en comunidade, a loitar, a dar espazo ás mulleres e empoderalas, a construír comunidades, a ser humildes pero valentes, a formarnos na teoloxía da liberación.

Cartel 50 años sembrando esperanza
A construción do barrio e da parroquia como comunidade de comunidades achega o Reino de Deus a todos nós, animadas polo Evanxeo de Xesús e polo seu Espírito no compromiso dun proxecto común: esperanzarnos e esperanzar aos que nos rodean, agora e no futuro, aínda que nos imos facendo maiores e as forzas minguan.