Os camiños de Ndeye e Mariama cruzáronse en Canarias, nun centro de acollida para menores que chegan a España sen acompañamento de ningún adulto.

As dúas rapazas, de 13 e 16 anos, coñecéronse alí e xuntas, por casualidades da Administración, foron enviadas en setembro a unha casa de acollida en Lugo cando se decidiu repartir cotas de menores polas diferentes comunidades autónomas. Tamén por casualidade foron matriculadas as dúas no meu instituto: Mariama en 1.º de ESO, e Ndeye en 4.º.

Ndeye ten un sorriso enorme que ilumina o lugar no que está. Quere ser cociñeira. E aos quince días de chegar xa se tivo que enfrontar á noticia terrible da morte do seu avó e á imposibilidade da distancia. Estivo moi, moi triste.

Un día, ao ver que imprimiamos unhas fotos de Rousseau, Newton e Voltaire para un mural sobre a Ilustración, preguntoume se era posible imprimir tamén unhas fotos propias. Tróuxomas nun lapis USB. Eran tres fotiñas de baixa resolución, sacadas do WhatsApp: o seu avó diante dunha casa de adobe coa túnica branca (boubou) e as zapatillas de punta (marakiss); o seu avó cun amigo, sorrindo diante dunha mesa; e o seu avó nunha montaxe xunto á mesquita.

Imprimín con emoción aquelas imaxes, pero a calidade era tan mala que case non se vían no papel. Pedinlle a unha compañeira de Plástica, Alicia, que as revisase para ver se podía facer algo co formato. Alicia, que coñece unha tenda na súa vila que pasa as fotos a papel fotográfico e as amplía, volveu ao día seguinte con tres fotos “de verdade” que lle entregamos a Ndeye. Emocionámonos as tres. E Ndeye, co seu sorriso inmenso, preguntou enseguida: “¿Se puede foto avó Mariama?”

Foto: Al Jazeera