Resulta que había homes malos. E saíron do armario. Ben, un respecto polo armario, …saíron da caverna. Desatados.

Antes tiñan reparo. Vergoña, quizais? Bendita vergoña. “Hipócritas” -dicíamos- “Din democracia, pero pensan no coltán, no petróleo, no litio,….”. E quedabamos tan a gusto co debate moral gañado, baixo un ceo protector anti-mísiles.

A que escenario se parece o momento actual?

Escenario 1: Europa 1989. Fin da guerra fría e da destrución mutua garantida. Democracias con benestar social. Abolición ou redución dos exércitos; desarmarse para amarse; flores si, balas non; resolución pacífica dos conflitos mediante regras do dereito internacional. Cambio cultural que cambiará todo o demais. Adeus guerra, adeus para sempre, adeus.

Escenario 2: Nicaragua 1976, tras catro décadas de represión, corrupción e brutal crueldade a ditadura de Somoza está debilitada pola loita armada da guerrilla. Ernesto Cardenal, poeta, sacerdote e místico é entrevistado na súa comuna de Solentiname.1 “Ningunha guerra é xusta. -afirma- “Pero a loita de liberación ou a defensa dun pobo non só pode ser xusta, senón que non hai unha liberación inxusta”. Repregunta: “Pero serías quen de coller un fusil e disparar contra seres humanos?” Resposta: “Nunca disparei, nin tan sequera a un paxaro, pero para defender a un inocente podería estar na obriga de facelo”.

Escenario 3: 1936-1939. Golpe de estado militar contra a república democrática española e mil días de guerra incivil. Desde a subida de Hitler ao poder en 1933, británicos e franceses practican unha política de “apaciguamento”, condescendente coas ambicións do nazismo e do fascismo. En agosto de 1936, Gran Bretaña, Francia, Italia e Alemaña asinan un acordo de non intervención na guerra civil española, acordo que só respectaron as democracias, pero non Hitler nin Mussolini, decisivos na vitoria de Franco. 35.000 pacifistas, incluída Simone Weil, se incorporaron ás brigadas internacionais. 10.000 morreron en combate.

Hai situacións que interpelan o noso pacifismo? Pola meixela propia non hai problema; pola meixela das vítimas da historia, poida que si.

1.– “La santidad de la revolución”. Sígueme. Salamanca 1976