En outubro de 2017 a editorial Kalandraka sacaba do prelo o primeiro e amarelo volume de Pippi Mediaslongas en galego. A obra colleitou un éxito notable de vendas, sendo recoñecido o bo traballo de tradución directamente do sueco feito por David A. Álvarez Martínez con diversos premios, entre eles o Premio á mellor Tradución do ano na Gala do Libro Galego. Agora que o segundo volume da obra está nas librarías, falamos con David para que nos explique o xurdimento deste proxecto ilusionante que abre novas oportunidades para que a xente máis nova lea na nosa lingua.

“Na literatura infantil non se trata transmitir patróns de conduta, senón de facer nenos e nenas felices e curiosos. E se rin, …mellor”

Como foi que deches coa idea de traducir esta obra ao galego?
Hai moitos anos cando estudaba a lingua sueca, nunha das aulas lemos outra obra de Lindgren, Os irmáns corazón de león. Nese momento comecei a pensar na posibilidade de traducir a Pippi, que non estaba publicada en galego e era unha personaxe que me gustaba. Pouco despois fun lendo as obras no orixinal, e atrapáronme totalmente coa súa linguaxe fresca e natural e as viravoltas lóxico semánticas que facía a personaxe. O proceso de tradución, así é todo, demorouse uns anos: tiven que afianzar os coñecementos na lingua sueca e vivir unha longa tempada no país.

O xurado da Gala do Libro destacou, precisamente, que a túa tradución transmite a frescura a e a fluidez da linguaxe desta rapariga. Préstase o galego para falar a fala de Pippi?
A linguaxe de Pippi é algo digno de mención. Ela xoga constantemente co significado das palabras, co seu sentido lóxico, de aí o das viravoltas. Como con calquera outra lingua, hai que facer un esforzo para que estes trucos soen naturais en galego. Hai unha crenza popular de que hai unhas linguas que valen mellor ca outras para certas cousas, que unhas valen para facer filosofía e outras só para contar contos. Pero iso non é certo, todas as linguas se van desenvolvendo e creando léxico segundo as súas necesidades. Por suposto que o galego se presta para falar a linguaxe de Pippi, só hai que facer unha boa adaptación na que se recolla fielmente a intención do texto orixinal: as rimas, os xogos de palabras, a inversión de sentidos, a invención e toda a ironía.

Cres que se gañan falantes de galego a través da literatura infantil traducida ao galego?
Non. Só pola lectura, dende logo que non. Fai falla algo máis, un determinado contexto sociolingüístico. E ás veces nin iso. Falta por ver se se gañan lectores competentes entre o público infantil, xente que despois non lle tema á lingua e teña parte do camiño andado para arriscarse a falar. Penso que é moi positivo que haxa clásicos e grandes obras da literatura universal en galego, e agardo que iso anime á lectura.

Recentemente fomos coñecedores da polémica que arrodea a tradución española da obra realizada pola editorial Blackie Books. É posible que Pippi Mediaslongas sexa a primeira tradución directa da obra de Astrid Lingren no territorio peninsular?
A verdade é que non o sei. O que si é certo é que a tradución española é moi antiga, está apenas revisada e presenta evidencias múltiples de ser unha tradución feita a través do inglés, pero sen estar expresamente indicado. Hai pouco vin que a tradución portuguesa tampouco estaba feita directamente dende o sueco. Seguirei mirando.

Crear lectores infantís competentes que non lle teman ao galego e teñan parte do camiño andado para arriscarse a falar

Pippi é unha rapariga forte, moi moi forte. E ademais, inmensamente rica. É unha personaxe inusualmente complexa para unha obra infantil. Cóntanos un pouco como é ela e por que che cae tan ben.
Esas dúas características fan de Pippi unha personaxe que pode exercer a súa liberdade sen límites. Son os agasallos que lle fai a autora para empoderala. Ademais, é unha nena non socializada polas estruturas convencionais, asalvaxada, estranxeira dalgún xeito, e practicamente orfa, pois ten un pai que está perdido. É por todo iso que ela crea e recrea a súa propia historia mediante o recurso da fabulación, dándose a sí mesma un pasado e un porvir. Ante os demais, esta fabulación tórnase hipérbole e mentira, pero para ela é unha maneira de relacionarse coa súa propia vida: o recurso á fábula insire na historia de Pippi moitas outras historias que ela conta para lle dar un sentido extraordinario á súa existencia. E encántame que é unha personaxe tremendamente positiva. Iso dállo a súa liberdade. Esta úsaa moitas veces para pórse de lado dos débiles e burlar a autoridade, en gran medida, masculina.

Ao ser unha nena tan libre é posible que non represente un modelo educativo viable. Na túa opinión, debe a literatura infantil presentar modelos normativos, ou, pola contra, debe abrir novas perspectivas?
Eu non son educador. Pero Lindgren sempre declarou que con Pippi non pretendía establecer ningún modelo nin ofrecer moral ningunha. É un exercicio da pura imaxinación celebrando a infancia. E, persoalmente, creo que é un tema delicado establecer de antemán como debe ser a literatura infantil, guiándose polo politicamente correcto. Os límites infranqueables, o que eu nunca traduciría, son libros con ideas antidemocráticas. Pero máis alá diso non creo que a literatura deba transmitir ningún sistema de valores concretos, ningún patrón de comportamento pautado aos nenos, senón facelos felices e curiosos. E se rin, mellor.

A biografía de Lindgren é ben interesante. Para os que aínda non coñecemos esta autora, que aspectos da súa vida e da súa obra che resultan especialmente atraentes?
Como autora de literatura xuvenil está xa no olimpo. Crea unhas personaxes interesantísimas, e non evita os temas difíciles: a morte, o alcoholismo, a irresponsabilidade nos adultos, a inxustiza dos fortes fronte aos débiles. Destaco outra obra traducida ao galego titulada Os irmáns corazón de león.

Ela sempre foi unha figura pública e influínte no seu país, Suecia. Posicionouse contra os réximes autoritarios e o fascismo. Tivo un fillo de solteira nos anos 20, sendo moi nova, experiencia que a marcou profundamente porque o tivo que deixar en Dinamarca, aínda que anos despois puido crialo ela.

Que outros proxectos interesantes andas a argallar?
De momento, traducir o volume terceiro de Pippi, para pechar o ciclo. Teño unha obra de teatro traducida do alemán sobre a educación dos adolescentes, ambientada a finais do s. XIX pero de rabiosa actualidade. Ando na procura de editor para este e para outros proxectos, como a tradución dunha artista gráfica sueca que conta en cómic a historia cultural da vulva dentro do patriarcado.