Iria Aldegunde, ilustradora. Foto Praza Pública. Cedida
A ilustradora, vinculada dende cativa á Irimia, lembra as verbas do seu avó Pepe Chao: “Sempre dixo que esta era unha revista para a xente que cre en Galicia”
Iria, en primeiro lugar, gustaríanos saber por que escolle Memorias dun neno labrego para adaptalo á banda deseñada. Cal foi a súa motivación ante tal desafío?
Foi un libro que me acompañou durante gran parte dos meus anos formativos: lino para a escola con once anos e revisiteino dúas veces despois, ata que mo volveron mandar ler no instituto. Foi aos vinte anos cando, cunha lectura como adulta e máis atenta, comezou a agromar a idea dunha adaptación. Hai poucos libros aos que volva porque hai demasiado que ler, así que este ten un lugar especial no meu corazón. Non contaba cunha enorme presión mental pero a motivación para facelo nacía do amor e respeto que tiña cara ao texto de Xosé Neira Vilas; o apoio para poder completar o cómic atopeino en familiares, amigos, profesorado e compañeiros do Garaxe Hermético.
Cóntenos o seu proceso creativo ao ilustrares esta obra. Como logra representar visualmente a esencia da historia e dos seus personaxes?
Os primeiros bosquexos debuxeinos no verán de 2021. Pasaron por moitas fases: semirrealistas, amerimanga ata chegar ao cartoon no que está feito o libro, con combinación de paisaxes detalladas pero sintéticas. Eu era consciente de que cada persoa ía ter a súa imaxe de Balbino e do resto do elenco, así que me centrei en facer o que a min me resultaba natural.
“Mete medo pensar que persoas da miña xeración non sexan conscientes das vantaxes das que gozan polas loitas obreiras, feministas, galeguistas etc.”
Na súa opinión, cal é a importancia de adaptar obras literarias a formatos máis accesibles como a banda deseñada? Que impacto cre que pode ter na difusión da cultura galega?
Eu cito a miúdo o libro de Linda Hutcheon Unha teoría das adaptacións (2006), no que expresa que as adaptacións canalizan as expectativas do argumento e comunican o significado narrativo a alguén nalgún contexto, e son creados por alguén con esa intención. Esta é a chave para comprender todas as adaptacións: narracións con temas atractivos con comprensións mutables e formas de contar. Eu espero que con esta banda deseñada Memorias dun neno labrego chegue a un novo público, os máis cativos, mentres que permita volver visitar esta historia a aqueles que xa están familiarizados con ela.
Que significa para vostede Galicia e a lingua galega?
É difícil de definir e sinto que a resposta que dea mudará cos anos. Agora mesmo Galicia é unha terra que hai que protexer, fogar dun pobo cunha gran cultura que debemos coidar, aumentar e transmitir. A lingua galega é unha extensión da miña personalidade, de palabras e conceptos que non existen noutras linguas, a miña forma de ver o mundo. Galicia e o galego é riqueza.
Cal é súa relación coa revista Irimia, que ecos ten para vostede? E que papel cre que xoga no panorama cultural e social de Galicia?
Non é ningún segredo que meu avó era Pepe Chao, escritor e estivo desde o nacemento de Irimia. Meus pais participaron con entrevistas e escribindo artigos de opinión no Fachineiro. Meu avó sempre dixo que esta era unha revista para a xente que cre en Galicia. Grazas á revista e ás romaxes eu tiven un achegamento a unha fe alternativa, a pesar de non ser eu relixiosa. Aprendín moito e coñecín xente extraordinaria.
Portada do libro. Foto Editorial Galaxia
Ademais do seu labor como ilustradora, gustaríanos coñecer como ve a situación da mocidade galega en canto á súa implicación e a súa relación coa lingua e coa terra?
Eu non teño unha gran visión da mocidade porque penso que vivo nunha burbulla de clase media, de tendencia esquerdista e que fala na súa maior parte galego. Esa sección da sociedade ten un compromiso social grande. Os que non falan ou non teñen compromiso coa terra tamén poden ter solidariedade co galego. Non obstante, tamén vexo moita ignorancia sobre todo entre algúns con prexuízos que nunca se erradicaron. Mete medo pensar que persoas da miña xeración non sexan conscientes das vantaxes das que gozan polas loitas obreiras, feministas, galeguistas etc.
Que mensaxe quere transmitir á mocidade galega que pode sentirse desmotivada ou desencantada coa política e a situación social actual?
Que formen comunidade física e que conten con actividades interxeracionais. Ademais diso, que combatan a soidade e promovan a existencia dun intercambio de ideas. Hai un meme popular en internet que é o doomer, unha persoa nova nihilista e deprimida. Contra esta idea, ler e loitar contra o neoliberalismo que chucha a nosa enerxía. Por último, protestar. Se non se sae á rúa non hai conciencia do malestar. A rocha erosiónase despois de bater a onda millóns de veces contra ela.
“A lingua galega é unha extensión da miña personalidade, de palabras e conceptos que non existen noutras linguas”
Cal é a súa visión sobre o papel da cultura e a arte na construción dunha sociedade máis xusta e comprometida?
A cultura e a arte van da man da accesibilidade. Hai unha tendencia moi clasista na arte, un dos motivos polos cales o cómic foi deostado e clasificado como unha arte menor, xa que permitía que todo o mundo puidese lelo. Creo que temos milleiros de exemplos de compromiso e arte: en música, Grândola Vila Morena; en cómic, O Eternauta; en pintura, O Gernika; en cine, O Espíritu da colmea… Eses son só os primeiros exemplos que se me veñen á cabeza. Ante todo, espírito crítico e seguir adiante.
Iria, sendo vostede unha figura destacada no ámbito cultural galego, como ve o futuro da cultura e da lingua galega?
Quédame moito camiño para ser unha figura destacada, pero penso que podemos estar nun boom da cultura: temos youtubeirxs, podcasts, bandas de música en galego que empregan ritmos tradicionais ou cantan en galego outro tipo de xéneros, escritorxs que comezan a publicar (a poesía vive unha idade de ouro), o cómic galego está a pasar por unha boa etapa… Teño esperanza e sobre todo ganas de saber que é o que vai saír a continuación.
Por último, ten algún proxecto futuro do que nos poida adiantar algo? Que podemos esperar ver proximamente de Iria Aldegunde?
Os proxectos non teñen por que saír adiante, así que de momento non o teño claro. Pode que intente realizar un cómic que tiña ganas de facer desde que era pequena pero de momento estou estudando ilustración para ampliar os meus coñecementos, así que a ver se puidese traballar nun álbum ilustrado.