Irimia. Facemos esta entrevista para Irimia a un teólogo e un científico para que a xente saiba un pouco mellor que podería topar na nova encíclica “Magnifica humanitas”. E quizais lle dea por lela. Eu lina e pareceume que era ben interesante; a pesar de que normalmente a xente de a pé non lemos as encíclicas por aburridas, esta lese ben.
Non sei que vos parece a vós. Se merece a pena que calquera a lea ou non.

Xaime. Magnifica humanitas é de doada lectura. Pareceume útil que fixese un travelling pola historia do pensamento social da Igrexa; comezando na Rerum Novarum e recoñecendo que os séculos XIX e XX trouxeron problemas novos. Aínda que o pensamento cristián parte sabiamente do Evanxeo, a historia é creativa e aparecen novos problemas; hai que enfrontarse a eses problemas con ferramentas novas. E a min ese recoñecemento e esa humildade de que tamén o pensamento cristián ten que acoller os resultados doutro pensamento e investigación, particularmente os resultados científicos, pareceume importante. E ese primeiro capítulo axuda a situar o que vai vir despois, no contexto histórico do pensamento social cristián.

Victorino. Esta encíclica e a de Francisco Laudato si’ teñen dúas características moi importantes: Primeiro a soberana actualidade. Actualidade que tiña tamén a Rerum Novarum de León XIII, que tanto admira León XIV e por iso tivo tanta relevancia. Mas esta toca uns temas absolutamente candentes; non se pode dicir que aquí a Igrexa anda polas nubes. E a segunda, na que coinciden sobre todo a de Francisco e esta, é unha linguaxe moi directa, moi actual, é doada de ler. Aínda que, como con todas as encíclicas ocorre o que dicía un profesor meu de Salamanca dos libros da BAC “son moi prolixas”; con moita información e moitos datos, contrastados con notas a pé de páxina.

A primeira parte, que ocupa case a metade da encíclica, é sobre a doutrina social da Igrexa. Aos que a coñecemos ben resúltanos reiterativa; mas unha persoa lega en isto, vai agradecela, porque está toda a historia da doutrina social da Igrexa. Ademais, esa primeira parte é a referencia de León XIV para facer os seus xuízos desde o pensamento da Igrexa, mesmo as súa interpretación da intelixencia artificial.

Vese que o coñecemento da intelixencia artificial que ten o papa é bo cientificamente pois é un matemático e ten moita información. Mas, como todas as encíclicas desde hai tempo, non é unha obra de unha soa persoa, senón que é o traballo conxunto de moita xente. Hai un documento da Comisión Teolóxica Internacional de febreiro deste ano 2026, que seguro non o coñece a maioría da xente, que se titula Quo vadis Humanitas? Pensar a antropoloxía cristiá ante algúns escenarios futuros da humanidade. É o primeiro documento da Comisión Teolóxica Internacional que toca o tema da intelixencia artificial; tan amplo que o mesmo papa fai referencia a ele para saber máis do tema.

Irimia. Poderiades, cada un, salientar as ideas que veñen nesta encíclica en termos de utilidade e de enriquecemento para xente? Que nos achegan, e sobre todo, que novidades amosa para motivarnos a lela e poder aproveitala? Porque sería unha mágoa que non se lese isto hoxe.

Xaime. A min o capítulo central paréceme o capítulo terceiro, onde o papa aborda o que está en xogo: a interacción entre intelixencia artificial e persoa humana. Un asunto central no contexto no que estamos. Estamos asistindo a un bombardeo continuo de noticias que moitas veces non sabemos como axuizar; porque, en realidade, forman parte dunha campaña de márketing para impulsar esta nova tecnoloxía. Fai falla unha reflexión profunda, porque hai que ser capaz de subtraerse a eses intereses económicos que, no fondo, son os que están detrás de todo este movemento que desde 2023 nos está invadindo; con noticias moitas veces moi espectaculares, que recollen os medios de comunicación de maneira apresurada. Logo, un le reflexións un pouco máis demoradas e dáse conta que, no fondo, forma parte todo isto de un intento de que asumamos dunha maneira acrítica esta nova realidade que ten, evidentemente, aspectos positivos, pero que, como calquera outra nova tecnoloxía, ten tamén os seus aspectos negativos. León XIII enfrontouse a unha novidade, que era a revolución industrial, pero á que ten que enfrontarse León XIV é unha revolución dun calado moito máis fondo, porque afecta á concepción de ser humano que temos e pode poñer en perigo a dignidade da propia persoa.

A encíclica mantense no pensamento cristián, afirma a dignidade irrenunciable do ser humano e o valor das súas propias limitacións. Esas limitacións teñen un valor en si mesmas; tratar de ultrapasar esa limitación con algúns movementos que está habendo na filosofía (o poshumanismo e o transhumanismo) poden acabar cuestionando realmente os valores profundos do ser humano, postergándoos ante desexos de maior eficiencia, que casan moi ben co modelo economicista no que estamos vivindo, que se resiste a ser superado.

Victorino. Hai dous capítulos que son, indubidablemente, os dous fundamentais e os que máis achegan da encíclica. Os dous primeiros é un repaso da doutrina social de Igrexa, porque hai moita riqueza nela desde a Rerum Novarum até hoxe; gran parte dos papas despois de León XIII publicaron encíclicas sobre ela: aos vinte anos, aos corenta, etc. Pero, como dicía Xaime, o capítulo 3 é o capítulo central; é onde fala da intelixencia artificial e o que representa. Mas tamén o capítulo 5; que me resulta absolutamente fundamental, porque fala da intelixencia artificial como expresión dunha cultura de poder. O problema da intelixencia artificial, non é a súa realidade en si, como achega científica e tecnolóxica, que se valora positivamente como algo útil. O problema fundamental é -sobre todo para a Igrexa e para os cristiáns- o discernimento moral e espiritual desta. Que supón realmente, a intelixencia artificial, alén do seu valor científico e tecnolóxico? En definitiva, o que supón é unha afirmación máis rotunda do poder establecido. É dicir, a intelixencia artificial leva aos que teñen máis poder a que teñan aínda máis poder. Controlar a intelixencia artificial é controlar e influír de maneira moitas veces decisiva na maioría da xente, para os intereses dos poderosos, favorecer as perspectivas do imperio. E aí, creo que esta encíclica fala con claridade e valentía, o que é realmente de agradecer.

Estou convencido de que a esta encíclica, pouco a pouco, vai ocorrerlle como a Laudato si’, sen dúbida, a mellor encíclica papal da historia, con moito. As dúas encíclicas papais da historia máis fermosas, e desde logo que tiveron máis repercusión, foron a Pacem in terris de Xoán XXIII e a Laudato si’ de Francisco. A de León XIV creo que vai no camiño da Laudato si’. Sen ser positivamente tan contundente, di as cousas moi claras. Eu non seguín moito a reacción en EEUU e no mundo do capitalismo, como fixen coa Laudato si’, mas supoño que tivo que molestar, porque hai afirmacións clarísimas en contra da liña da Administración dos EEUU e particularmente do Pentágono. Pois un dos elementos fundamentais que critica a encíclica é como se vai utilizar a intelixencia artificial para a carreira armamentística, para a guerra.

Unha das aberracións maiores é que unha decisión bélica a faga realmente non un ser humano, senón unha máquina. Unha das primeiras cousas que di ao principio é que non se debe de confundir intelixencia artificial con intelixencia humana; porque a intelixencia artificial fixémola a nós, os humanos, por moito que avance. Pode avanzar moitísimo hasta non sei que niveis, pero as decisións fundamentais da vida teñen que seguir tomándoas os seres humanos; do contrario podemos acabar como na película “Terminator” (xa de 1984!), na que Skynet chega a desenvolverse tanto que se revolve contra os humanos e chega a dominar o mundo.

Xaime Ortega

“Asistimos a un bombardeo de noticias que forman parte dunha campaña de márketing para impulsar esta nova tecnoloxía”

Irimia. Agora vouvos meter un pouco máis en materia crítica. Isto é un texto que fai un papa, e repite “eu”; penso que tería sido mellor engadir a escritura inclusiva, e “nós” polo medio, tendo en conta aos seus colaboradores, deixando ver quen colaborou para que fose unha obra máis coral. Desde aí a miña pregunta pola lexitimidade e a autoridade que necesitamos, un líder da relixión maioritaria deste mundo que, ademais, pretende levar o evanxeo nas mans. Como vedes vós a recepción desta encíclica desde a lexitimidade? Que lexitimidade ten hoxe a Igrexa Católica Apostólica Romana para dar estas leccións ao mundo? Ten esa forza, esa autoridade, ese poder moral para dicir todas estas cousas? Ou igual nos imos topar con xente en fronte que diga: ti quen es para vir a min a dicirme estas cousas, cando vos non estades dando exemplo en moitas delas; atendede a vosa casa? Evidentemente a encíclica di que é moi importante ter a casa ben ordenada para empezar a ordenar a casa dos demais. E iso é fundamental e isto xa se vai escoitando. Está xenial que o diga a encíclica, mas vos que peso lle vedes? Porque de verdade é que este texto fai falla que se converta nun proclamo que poida ler calquera ser humano, calquera persoa.

Victorino. En primeiro lugar, unha cuestión metodolóxica. Unha encíclica papal, como o seu nome indica, é dun papa. É a proclama maxisterial máis importante dun papa, que ten a máxima responsabilidade na Igrexa católica. É normal que diga “eu”; se dixese “nós”, como facían antes, sería un plural maxestático. Outra cousa é que tanto esta encíclica como, por exemplo a Laudato si’, ten nas notas a pé de páxina numerosas referencias de onde veñen as afirmacións que fai. Ademais, as encíclicas nunca contan quen son os “fontaneiros”, quen as redactan. En tempos era normal que non as escribisen os papas; mas eu creo que, de Xoán Paulo II até agora, as encíclicas teñen un selo particular dos homes concretos que fixeron a redacción final: os papas… aínda que con axuda.

Por exemplo, dunha encíclica de Francisco no comezo do século XXI a unha encíclica de León XIII a finais do XIX hai un abismo, no mesmo estilo de escribir. A de León XIV é a primeira, aínda non lle coñecemos ben o estilo, soamente ten unha exhortación pastoral, esta é a primeira encíclica, mas eu creo que aquí se nota moito a formación científica do Papa, manifesta bastante qué é. Outra cousa é a ausencia dunha linguaxe inclusiva, que a min tamén me parece moi grave. A linguaxe inclusiva debería de ser hoxe completamente asumida en todos os documentos eclesiais, mas está sempre ausente; de feito, foi unha das críticas que se lle fixeron, tal como teño lido. En fin, de cara ao mundo, a autoridade dun escrito da Igrexa creo que ten que nacer do propio escrito; para nós, non é o mesmo un escrito do papa que un escrito dun laico calquera, pero, para o mundo, o valor dun escrito do papa é o valor que ten en si mesmo, se acerta nas súas análises e nos seus diagnósticos. E eu creo que neste sentido, igual que ocorreu coa Laudato si’, topará acérrimos detractores e moitos defensores; moitísimos máis defensores que detractores, porque o que di, a xente de ben está de acordo; non podemos deixar que os máis poderosos cada vez teñan máis poder, nos controlen máis e nos marquen as pautas.

Ese é o estilo do documento; coa base na doutrina social da Igrexa que di que o valor da persoa está por riba de todas as cousas materiais. Ese compromiso moral e espiritual creo que o fai bastante ben; e creo que vai ter boa acollida nos medios, porque conecta directamente cos problemas reais da xente. Como non foi o caso das poucas encíclicas de Bieito XVI, con ser “o papa teólogo”.

Xaime. Eu coincido con isto que di Victorino. Tanto os dos últimos papas, Francisco como León están sabendo gañarse un espazo e unha aceptación dentro dos ámbitos non eclesiais. Porque abordan temas que non son puramente doutrinais, senón que afectan a humanidade no seu conxunto, que están candentes: o coidado da casa común no caso de Francisco, e estas novas realidades do noso tempo no caso de León. Eu creo que, aínda que no caso de León, había ao principio nos medios de comunicación como unha desconfianza de como faría, a ver por onde vai saír este home, pois parecía que rompía moito co talante popular de Francisco; logo, co seu saber resistir as arremetidas de Trump, gañou peso, soubo colocarse no seu sitio e eu creo que iso creou un clima favorable para que a encíclica fose ben acollida. Ademais do seu interese específico; porque aborda un tema fundamental para o noso tempo e dá claves que son importantes e que poden ser compartidas, pois non son puramente exclusivas da relixiosidade católica, senón que poden ser asumidas por moita xente fóra do ámbito confesional.

No capítulo cuarto, centrado nas consecuencias da intelixencia artificial, aborda temas que todos vemos xa enriba da mesa: a dignidade do propio traballo pode ser substituída pola automatización, o desemprego pola destrución de postos de traballo, un control social que é unha cousa que xa estamos vivindo cada vez máis nas redes sociais xa impulsadas pola intelixencia artificial, que vai creando vetos e vai dicindo o que se quere escoitar e vai creando unha sociedade cada vez máis fragmentada e, por tanto, máis facilmente manipulable.

Victorino Pérez

“O problema é moral e espiritual: alén do seu valor científico, a IA leva ao poder establecido a acumular aínda máis poder”

Irimia. Imos abordar agora o que interesa máis ao noso ser cristiáns cunha frase que me parece moi aliñada cos valores do Evanxeo, e que responde realmente a unha inquedanza sobre esa intelixencia artificial. Onde sitúa a dignidade humana esta intelixencia artificial; que vai facer con ela se nós deixamos? “Trátase de protexer o dereito á esperanza e a permanecer en terra propia en paz e seguridade” (nº 81). A terra propia é o noso mundo particular. A miña pregunta vai máis polo vieiro da fe. Estamos vendo que a IA en certo modo intenta ocupar o espazo que ocupa Deus para moita xente. Deus era o que tiña o poder, o todopoderoso, a referencia última nos temas do ben e do mal, do que hai que facer ou non, a normativa moral e mesmo política; porque o Evanxeo leva consecuencias políticas e de todo tipo. Se é que esta intelixencia artificial realmente vai medrar, como din, e chegar a tomar decisións por nós, como teríamos que posicionarnos os cristiáns e as cristiás desde a fe, desde o Evanxeo para reaccionar a isto? Pediríavos exemplos concretos, máis prácticos, sobre o que nos cómpre a facer se a IA nos manda desobedecer o que nós entendemos pola recta observancia das ensinanzas de Xesús. Por onde habería que tirar? Non nos estará levando a unha nova revolución a unha nova teoloxía da liberación que temos que ir pensando xa?

Victorino. Si, realmente aí é onde está a importancia tremenda da primeira parte, que é a doutrina social da Igrexa. Un dos elementos fundamentais da doutrina social da Igrexa é o valor inviolable da persoa humana. Aínda que neste sentido a Igrexa non é consecuente co que di; a mensaxe está aí. Ti como muller dáste de conta de que a Igrexa non respecta ese valor inviolable da persoa humana, porque a muller non está en pé de igualdade co home.

O valor inviolable da persoa humana está por riba do que sexa; como dicía Ireneo de Lyon “A gloria de Deus é a vida do home”. Sabedes que me gusta moito o cine, vin todos os “Terminator”, e o que máis me gusta dese filme de ciencia ficción é que a pesar do poder que chegan a ter as máquinas -a primeira secuencia é a das máquinas pisando caveiras humanas-, a capacidade de revolta de insubmisión do ser humano non se apaga; é unha constante da historia: o ser humano non se somete ante quen o esmaga, o mesmo que sexa outro ser humano superpoderoso, o ditador de turno, ou que sexan unhas máquinas. Iso que expresan o cine e as novelas dun futuro distópico é consecuente con esta afirmación do valor inviolable da persoa humana que ten que estar sempre por riba dos intereses. Por exemplo, hai un apartado do capítulo terceiro onde fala máis especificamente de Intelixencia Artificial, que se titula “Responsabilidade, Transparencia e Gobernancia da IA”; aí di: “A inxustiza que se realiza silenciosamente e a compaixón, a misericordia e o perdón non son simple aparencia, mas xestos políticos decisivos”.

Tras recoñecer humildemente que non sabemos ben o que é a IA e o que poderá facer, pois o que sabemos hoxe dela é moito menos do que saberemos mañá, e o que saberemos mañá moito menos do que saberemos despois, pois o coñecemento da IA esta a superarnos, o papa afirma que o que máis lle interesa destacar é quen utiliza/”controla” a IA, porque quen ten poder na IA vai ter un poder sobre o resto da humanidade e van ser niso inmisericordes.

Eles cren que o mundo vai ir realmente adiante cos “listos”; é dicir varóns, brancos , heterosexuais e occidentais. Por iso Trump non pode tolerar o dominio dos chineses, que levan a dianteira. Se a Igrexa quere dicir isto con autoridade, debe predicar co exemplo para afirmar: Non imos tolerar unha estrutura opresora, baseada no poder dos homes brancos occidentais, co Evanxeo defendemos os dereitos dos máis febles, dos que menos poden. Por iso, unha das cousas que máis autoridade lle dá ás palabras do papa é que –como xa comentou Xaime-, a pesar de ser norteamericano oponse claramente ao colonialismo imperialista do seu país, exercido co seu poderío militar. Por iso non o tolera o seu presidente, Donald Trump. E faino con maneiras completamente distintas: Trump como un psicópata histriónico, con berros e contundentemente. E León tranquila e pacificamente, suxerindo mas firmemente: “Non á guerra”, porque a guerra non soluciona nada, o único que fai é destruír, esmagando sobre todo aos máis febles. Se permitimos que a IA dite as decisións bélicas estamos perdidos. Lembrades que o primeiro ataque dos EEUU a Irán foi contra unha escola infantil, obxectivo que foi decido por unha información e decisión trabucada da IA; parece que a IA non foi tan intelixente. O feito de priorizar os valores da xustiza, a paz e a compaixón sobre a eficacia, vainos definir como seres humanos, superiores á IA. A IA só pode traballar con algoritmos, non ten sentimentos nin valores humanos; o único que fai con eles é manipulalos para os seus interese. A pesar das palabras daquel cyborg de “Blade Runner” (filme xa de 1982!): “Eu coñezo cousas que vós nin sequera imaxinades”.

Xaime. Penso que cousa decisiva é en mans de quen está o futuro da intelixencia artificial. Tal como van as cousas, parece que o seu futuro estaría nunhas poucas mans que tratarían de convertela nun inmenso negocio para paliar a grave crise da civilización occidental producida polo neoliberalismo. Desde o punto de vista da bioloxía, sempre poño un exemplo; levabamos desde os anos 60 tratando de resolver un problema técnico, moi complexo pero moi importante: saber como unha proteína que é unha cadea de aminoácidos adopta unha forma tridimensional. Estabamos seguros de que simplemente a súa secuencia de aminoácidos determina cal vai a ser a súa forma tridimensional. pero, desde os anos 1960, nos que se foi investigando ese problema polos métodos tradicionais, foi imposible predicir a partir do dato orixinal cal ía ser o resultado; iso fíxose hai pouco tempo con un modelo elaborado por intelixencia artificial. Pero temos que ter en conta que aí estamos resolvendo un problema práctico concreto; outra cousa son os grandes problemas da humanidade que son sempre os mesmos desde que o ser humano foi tomando conciencia de que -como dicía Victorino- inflúen moitas outras cousas. Non son só problemas de cálculo, que xa son moi complexos e poden superar a nosa capacidade limitada de cálculo nun tempo concreto. Os problemas reais da humanidade son de outro estilo; son tamén problemas complexos pero non no sentido de que requiren esas habilidades para as que o noso cerebro é limitado. O noso cerebro é limitado pero é o produto de millóns de anos de evolución que nos adaptou a vivir en comunidade e resolver os problemas desa comunidade é un asunto dos seus membros profundando nas súas relacións.

Por aquí vai o último capítulo da encíclica, a creación da civilización do amor e os seus inimigos; entón creo que como individuos nos poderiamos resistir a utilizar a IA dunha maneira trivial. Iso é aprender a usar algo cando o seu uso é adecuado para resolver o que queremos resolver e non simplemente dunha maneira trivial igual que utilizamos agora Google. Eu resístome moito á IA; non a uso, a única intelixencia artificial que uso son os tradutores automáticos. A Unión Europea parece que ten algún maior interese en poñer certas trabas á evolución da IA, mas creo que non só se pode reducir a iso senón que hai que crear as infraestruturas para que poida haber unha IA pública para o servizo da sociedade e non ao servizo de intereses particulares. Niso temos que recoñecer que estamos, por como foi evolucionando nos últimos tempos a política, deixando de lado as infraestruturas públicas. Pensemos que case todos os servizos públicos, agora a batalla na sanidade e na educación, foron deixados en mans privadas. Coa IA xa non é que se fosen deixando, senón que xa foron nacendo desde mans privadas; e sen unha infraestrutura pública é moi difícil que se logre unha gobernanza da intelixencia artificial en mans privadas.

Victorino. Subliño algo moi importante. Cando falabas do amor, creo que coa intelixencia artificial ocorre algo parecido ao que dicía ese grandísimo científico Niels Bohr, dos máis grandes do século xx con unhas verbas citadas no libro de Ken Wilber Cuestiones cuánticas. Dicía: “Nós traballamos coa ciencia, que é moi útil e resolve moitos problemas; por iso eu son científico. Mas o problema que ten a ciencia é que non é capaz de abordar as cousas máis importantes do ser humano, como son o amor e a misericordia, a xustiza, a beleza es as preguntas polo alén”. Paréceme magnifica esa humildade nun grandísimo científico como foi el. Coa ciencia non podo resolvelo todo; e por iso teño que acudir á marabilla dese libro de Ken Wilber –que ten como subtítulo Escritos místicos de los físicos más famosos del mundo– que Xaime e eu compartimos aló en Xove a mediados dos 90. Foi un gran descubrimento que todos estes grandes científicos do século xx, contrariamente aos que din “todos os científicos son ateos”, sexan xente espiritual e relixiosa; cristiáns, budistas, ou o que queiras. Einstein era profundamente relixioso, ainda que non cría no Deus persoal xudeu e cristián. Todos eles recoñecían a súa limitación; e pensaban que para as cuestións fundamentais da súa vida necesitaban acudir a outra perspectiva de coñecemento como é a filosofía e a teoloxía. Xa que logo, pretender que a IA solucione todos os problemas; mesmo os persoais, como dicía unha rapaza que consultaba a IA para os seu problemas da vida diaria.

A civilización do amor non a vai construír a IA, ímola construír nós; e neste sentido o papa ten unha imaxe que propón ao principio que repite constantemente. Contrapón a construción de Babel e a reconstrución do templo de Xerusalén despois do desterro. Que significou Babel? Construír unha torre para chegar ata Deus, ser coma Deus e controlar todo; iso está necesariamente condenado ao desastre porque iso significa uniformar: todos a mesma lingua, todos obedientes. De seguida xorde como mundo feliz de Huxley, algúns non están de acordo e recompoñen o proxecto. O nacemento das linguas non é un castigo de Babel, senón xusto todo contrario, o castigo era pretender unha soa lingua, un só poder, unha soa autoridade. Fronte a iso o papa contrapón o proxecto de Nehemías: reconstruír entre todos o templo e a cidade. A esa IA prepotente que quere ser como Deus, témonos que opor rotundamente. A IA é só un instrumento nas nosas mans; Xaime falou do que supuxo ese instrumento para el como biólogo. A min ese aspecto interésame menos pero como el dicía, sérveme para resolver outro tipo de investigacións, pola moita información que manexa. No ordenador nunca utilicei aínda a IA, mas no móbil cando fago unha busca ou sáeme primeiro por defecto a IA; ás veces cunha información valiosa. Tamén, por suposto di parvadas, e isto manifesta as limitacións da IA. É tremendo pensar que a IA ten todas as respostas; significa submisión absoluta a unha máquina… Esta é a cuestión. Por iso, o da “civilización do amor” é o último capítulo da encíclica, co que estou completamente de acordo.

Portada Magnifica humanitas
Irimia. Para rematar, centremos a reflexión na fe, porque temos que ter en conta que estamos a falar de algo moi potente e que avanza a gran velocidade. Vainos tocar xa pelexar e topar argumentos desde a ciencia e desde a fe. Pregúntovos logo, e Xesús, se vén agora e asiste a todo isto, que vos parece que diría?

Victorino. Creo que o que diría Xesús é que o importante son as persoas, coa súa capacidade de responder aos seus problemas, de facer unha introspección profunda; porque somos algo máis que monos espidos, somos algo máis que materia, somos espírito. A grandeza do ser humano é precisamente ese espírito que se manifesta desde a carne. Xesús falaría do importante que é o amor; as respostas ás grandes preguntas conxugadas coa solución dos problemas de cada día. Mas igual que a solución aos problemas da fame non é Monsanto, a resposta dunha grandísima empresa que o que lle interesa é gañar máis, e por iso esmaga a agricultura dos pequenos produtores enviándolles sementes estériles. Disto sabe moito máis Xaime… Igual a IA, para ela non funciona nin a misericordia, nin a compaixón, nin o amor; é unha intelixencia deshumanizada. Encántame que nesta encíclica se critique non só o transhumanismo senón o poshumanismo. Mais aló do ser humano, está Deus, non pode estar unha máquina. Mesmo un cyborg, que pode axudar ao ser humano para que desenvolva mellor as súas capacidades, pero que é controlado polo ser humano. Nalgunhas máquinas que aparecen no cine, o único que lles quedou do ser humano foi o cerebro. ¨É o caso do policía de “Robocop” (1987); unha máquina na que o que decidía era o que quedara do pobre policía asasinado, o seu cerebro, a súa alma; outras máquinas mais fortes que construían sen intelixencia, sen chispa, sen tenrura, perdían contra Robocop. Sen a tenrura e sen compaixón este mundo non merece a pena; eu coma crente relixioso creo que sen a profundidade do ser humano, aquilo que nos achega máis realmente a Deus, e sen ese alén que vai máis alá das miserias de cada día realmente non me merece a pena este mundo

Xaime. A persoa por encima de todo, iso é o que diría Xesús.

Irimia. Segue connosco até a fin do mundo, como prometeu a pesar de todo