Christina Moreira
De forma paralela ao Sínodo celebrado en Roma o pasado outubro –e que versaba sobre a propia sinodialidade como “sistema” ou estratexia de funcionamento que propón Francisco, coma “un camiño aberto e participativo” para a enteira Igrexa–, celebrouse un sínodo alternativo, fóra da oficialidade, con voces diversas, con acentos e discursos alternativos. Conversamos con Christina Moreira, participante activa neste evento.

Disque se lle chamou “Sínodo na Sombra”, e a cousa, dita así, pode soar, de entrada, algo sombriza…
Efectivamente, deu moito que falar o apelativo. Houbo quen opinou que, de feito, nós estabamos expostas á luz; á luz do sol que quentaba ben eses días, expostas tamén á luz mediática e a toda persoa que quixese achegarse ás actividades e participar, ou mirar. Pola banda da oficialidade, nas sesións do sínodo foi imposto o segredo para os temas, os debates e os votos, conforme coa vontade do papa, para garantir a seguridade dos debates. De xeito que só soubemos o que se autorizou, en especial as sínteses finais.

Como se organiza, como funciona algo así?
Xuntámonos, de feito, en múltiples e moi diversos sínodos pequenos, seguindo o que nos dicía Joan Chittister1, que afirmou a necesidade, na súa inesquecible conferencia2, de pór en marcha e manter no tempo a sinodalidade como un xeito para toda a Igrexa, de escoitar as voces e a inspiración de todas as persoas e grupos, a todas as escalas.

deixounos un sabor a liberdade, a palabra sen censura, un lugar onde cadaquén ten o seu sitio, seguro e protexido

Houbo parladoiros como o de Women Council ou Consello das Mulleres3 (no que participa a Revuelta en la Iglesia de España e a Revolta en Galiza), no que contamos coa presenza de tres mulleres participantes no Sínodo, diante das que estivemos traballando en grupos, dando os nosos puntos de vista e achegando ideas, esperando que as repercutisen nos debates do Sínodo oficial. Tamén puidemos escoitalas a elas contando o que traían dos seus países (Suíza, Iraq, India).

A nosa asociación de presbíteras católicas (ARCWP)4 estivo presente en todos os actos e participou coa súa propia xornada de portas abertas con faladoiros e unha celebración, compartida co Women Council.

Tivemos unha velada de oración para comezar, o 3 de outubro, faladoiros participativos, manifestacións polas rúas de Roma e o despregamento dunha xigantesca bandeira morada que dicía “Ordain Women” (“Ordenade as mulleres”). E rematamos cun foro de preguntas abertas con Joan Chittister e Mary Mc Aleese5, despois de escoitar 115 relatorios durante 6 días en Roma e Brístol, con retransmisión por videoconferencia, onde poucos temas quedarían por tocar: ecoloxía (L. Boff), LGBTIQ+, Somos Igrexa, teoloxía feminista, dereitos reprodutivos, igualdades de todo tipo etc. Recomendo consultar a páxina para facerse unha idea da diversidade, a fondura e a seriedade das exposicións e, o que máis me impactou, a calidade e o respecto entre as diversas persoas que representabamos temáticas diferentes. Como todos eses grupos e persoas conxeniaron en apertura, acollida e ambiente alegre e gozoso, deixounos un sabor especial a liberdade absoluta, a palabra sen censura, o sabor dun lugar posible, onde cadaquén ten o seu sitio, seguro e protexido, demostrando que unha igrexa así non só é posible, senón que é necesaria e que, de feito, xa a estamos a facer.

manifestación

Mesmo contastes coa presenza dalgún bispo… Certo?
Pois si, alí no medio de nós, sen fallar a un só dos relatorios estivo o bispo emérito de Saltillo, Raúl Vera, asistido do seu colaborador, que lle traduciu en simultánea a totalidade do que alí se dixo. E saliento isto porque se prestou a dialogar, a escoitar e diría que a empatizar con calquera que se presentase. Victorino fíxolle unha preciosa entrevista a el e aos seus colaboradores6. Pois iso, que tamén os representantes da estrutura “clerical” son benvidos aos debates, nos sinodiños e nos sinodazos. Mesmo diría que son imprescindibles. Ou avanzamos todos e todas ou non avanza ninguén. Por certo, o lema da asociación de presbíteras é, de feito, todas son benvidas (“All are welcome”). A acollida incondicional tamén chamada inclusividade radical, e a apertura absoluta son condición indispensable, se queremos que algo cambie…, se é que aínda estamos a tempo.

Que se pretendía con ese “álter Sínodo”? Unha voz distinta á proposta de Francisco? Quizais a dunha disidencia parcial e complementaria? Dunha chamada de atención crítica, pero “construtiva”?

sen fallar a ningún relatorio, estivo o bispo emérito de Saltillo, Raúl Vera, dialogando, escoitando, empatizando

O sínodo paralelo buscaba, ao meu entender, crear un espazo non institucional de palabra libre e con autoridade, procedente da base. Deixou claro que o Espírito Santo unbounded (sen ataduras) non entende de barreiras e estruturas, que a prole de Deus ten ben repartida a súa ración de luz, entendemento, capacidade de don e compromiso, intelixencia e, engadiría, simpatía, solidariedade. Fomos quen de sentírmonos convocadas e capaces de escoitar a quen non pensaba exactamente coma nós e de dialogar, orar xuntas e mirar cara a adiante. Ese facer comunidade diversa, entre outras cousas, pola multiplicidade de procedencias e linguas alí presentes, e facela performativa, non só como figura mística ou entelequia de libro de teoloxía, foi fundamental para sentar un precedente: nós somos Igrexa e calquera cousa que se afirme nas sínteses que se agardan o ano vindeiro terá, para moita xente, menos valía do que alí se dixo e viviu.

Coido que marchamos empoderadas, no colectivo e no individual, sentíndonos capaces de discursos inspirados e cabais e, por riba de todo, cargadas de enerxía creadora, de sinceridade, capaces de levar adiante os milleiros de proxectos vitais, sociais e eclesiais que alí se barallaron e capaces de facelo sen medo.

reunión de persoas

A convocatoria nace dunha organización transnacional, Spirit unbounded, -que literalmente sería O Espírito ceibe– e o lema da convocatoria “Unha Igrexa católica emerxente”. Cales son as ataduras do Espírito nas que se quixo poñer o foco?
Nos diversos espazos deste sínodo tocáronse case todos os temas, tamén os que molestan e os que doen ou proen noutras esferas: a igualdade radical de todas e todos (facéndolle eco, se cadra, ao berro de Francisco “Todos, todos, todos”, que algunhas berramos en feminino diante do castelo Sant Angello, xunto con “Resistir ao patriarcado é obedecer a Deus” ou “Todas as vocacións son valiosas”, “Deixa que a súa voz -a voz dela- se escoite” (Let her voice carry), implicando nesta igualdade todas as realidades humanas, incluíndo as mulleres católicas que abortan, as parellas non heteronormativas que se queren e teñen dereito a ser bendicidas, as que fracasaron e volven a amar e a terra que nos berra porque xa non nos atura… Aínda así, e por riba da dor e o sufrimento que se agochan nesas realidades para moitas persoas, queda quen se preocupa pola supervivencia da grande Igrexa, como casa común, como lugar onde estamos a pelexar porque os nosos sitios nese espazo sexan sagrados. Para todas ou para ninguén.

a acollida incondicional, a apertura absoluta, é condición indispensable se queremos que algo cambie

A transcendencia destes encontros, amplamente espallados nos medios, fainos pensar que esa incrible capacidade de difusión de palabra en liberdade que facilitan os medios e redes sociais mesmo pode ser providencial e que a mesma Ruah é quen de empregalos. Pode ser que a profecía estea a vivir a súa idade de ouro…

O ano que vén, na continuación do Sínodo, agardamos volver a Roma e que veña moita máis xente. Tamén se agardan iniciativas máis contundentes, xa que moita xente ficou desencantada e convencida de que unha estrutura coma a romana non regala avances, mais que non lle queda outra e que o camiño é avanzar nós mesmas mostrando dignidade, sen agardar permisos “paternos” nin “maternos”.

Unha das crónicas de Vitorino Pérez para RD que citabas facía referencia á achega de Joan Chittister, sempre incisiva e precisa, cando indicaba: “ Os retos fundamentais da sociedade de hoxe en día son a humanización dos dereitos humanos e a cristianización da Igrexa… porque a Igrexa está fallando gravemente a quen non debería fallar: aos nenos, ás mulleres, ás minorías…”. Tratouse o asunto que máis descrédito lle trouxo á Igrexa na época actual, o dos abusos sexuais?
Tratouse e foi mesmo un dos temas recorrentes, abordado en múltiples relatorios como axial, xa que a extrema gravidade dos abusos, a menores e maiores, ten a súa causa, segundo varios analistas, na teoloxía do sacerdocio e a imaxe mítica do cura, promovida, entre outros, polo papa Xoan Pablo II. O Dr Tom Doyle7, entre outros, apunta a esa causa.

As chamadas minorías son, de feito, maioría. Só as mulleres somos o continxente de maior presenza no que se refire a práctica relixiosa. Se lle sumamos os colectivos LGBTIQ+, onde hai un continxente importante de xente, moitas veces vítima de mal trato e abuso, e os nenos masculinos, non é esaxerado concluír que a institución, o seu núcleo masculino heterosexual colocado no poder -espiritual, burocrático, intelectual, político e económico- pode crerse con dereito a dispor de quen está por debaixo. Casualmente sofren máis as persoas preferidas de Xesús de Nazaret, que está a ser traizoado unha e outra vez con todas as consecuencias que a historia nos revela.

1 – Monxa bieita estadounidense, xornalista -mantén unha columna no dixital National Catholic Reporter-, é autora de máis de 35 libros en temas nos que é referente internacional, tales como a muller e a Igrexa católica, a opción polos pobres, xustiza, espiritualidade e teoloxía actual.
5 – Expresidenta da república de Irlanda entre 1997 e 2011, co apoio do FiannaFáil e o Sinn Féin