A decisión de non convocar unha Romaxe como a doutros anos –aberta, comunal, festeira, numerosa– foi unha decisión necesaria e responsable da directiva de Irimia. Tamén foi unha decisión conscientemente solidaria: era demasiado o esforzo do persoal sanitario, a dor das familias polos seus maiores en residencias, a ruína de pequenas empresas e o paro e a precariedade da clase traballadora. Por iso argallouse algo diferente e, tamén, innovador.
Rumores de Romaxe
A cuestión e o debate estivo aí. Non se debe facer Romaxe, por esa solidariedade responsable, pero xurdía unha pregunta: debemos contribuír a unha especie de esmorecemento, de morte doce do comunitario, do alternativo…, moi en liña, por certo, coa dereitización que se está a dar a nivel mundial? Non hai nada que facer alternativo fronte a ese decaer dos encontros, da aperta, das festas parroquiais, da despedida aos defuntos, do símbolo e a sacramentalidade comunitaria, das mesas abertas e compartidas? Apuntámonos, sen máis, a engordar o individualismo, o illamento e a incomunicación?
Desde Lugo, apertas grandes a todos por esta magnífica celebración nunca perdamos o noso espíritu de loita e os nosos ideais.
O resultado foron eses Rumores de Romaxe. Unha mensaxe: paramos porque hai que parar, porque non podemos poñer en risco os vulnerables, pero seguimos en marcha. Non hai Romaxe, pero podemos enviar este rumor certo: haberá Romaxes. Volverá a haber lume porque mantemos vivo o remol. Pois iso: En tempos atípicos, respostas extraordinarias.
A distancia, en conexión; na distancia, a proximidade
Como resultado destas reflexións e decisións, a preparación deses Rumores de Romaxe foron tomando corpo de celebración en liña, valéndose das posibilidades que ofrecen os teléfonos móbiles e a conexión en rede. Para isto foi decisiva a achega e o esforzo de Marisa Vidal, que achegou a experiencia previa de celebración a través de WhatsApp, organizada durante o confinamento desde a parroquia dos Tilos, no concello de Teo, e que xuntou en liña xente de toda Galicia para seguir e participar nunha celebración da misa dominical a través desa rede social.
Preparouse un texto que se puxo ao dispor dos socios e subscritores de Irimia e de quen quixer a través da páxina web. Unha parte do guión seguíase localmente e isto combinábase con conexións e interaccións a través dos móbiles noutros momentos. Tamén había audios para compartir, como os que achegaron Mero Iglesias e Francisco do Romualdo.
O tempo acompañou, como está mandado, e o caso que, ademais do acto levado a cabo na horta do mosteiro de Bergondo –desde o que cantou en vivo Bea de Estrella, con estrea dalgún tema incluída–, uníronse en rede pequenos grupos dos máis diversos sitios de Galicia e mesmo máis aló de Pedrafitra e o Padornelo. Así, polo menos, uniuse xente desde Santiago (Bonaval e Castiñeiriño), Vigo, Pontevedra, Porto do Son (Xuño), Ferrol, A Coruña, Salamanca, Madrid, Barcelona, Mugardos, Perillo, Cospeito, Fonteculler, Oleiros, Monforte, Lugo e o Lago de Castiñeiras.
Tocoume estar só, pero moi ben acompañado por Deus e por vós, con tantas boas e xenerosos..
Un itinerario: da acollida da dor á celebración da Vida e da Esperanza
Nesta atípica celebración da non Romaxe partiuse da realidade, acolleuse a dor da realidade. Unha parte desa dor expresouse con palabras de Carvalho Calero –a homenaxe agardada deste ano, truncada pola pandemia–:
Houbo,
houbo un tempo,
no que cantaban os paxaros
e as rosas florecían ás beiras dos camiños…
…cando existía a arage, e a pomba, e a mar e a arela…
Desde unha fermosa aldea coma cada recuncho do noso país rural (entre terras do Incio e Sarria) mándovos os meus parabéns por este tan sinxelo como entrañable e creativo evento. Está sendo para min a oportunidade especial dun gran descubrimento, da nosa capacidade para sobrepoñernos e da grandeza que nos une.
Coa canción de Mero Iglesias:
Xa ninguén celebra a vida
e dámonos menos bicos
menos aloumiños tenros,
menos abrazos sentidos.
E coa achega de Manolo Regal:
Outra vez a xente humilde
apandando coa miseria
sen que aos grandes se lle arrime?
Que vai ser da convivencia
cando os cantos de serea
incentiven a violencia?
Nun segundo momento explorouse a pegada –por veces imperceptible– da esperanza, e celebrouse a vida que reacciona nas solidariedades, nos coidados, no avance da conciencia do colectivo, no ben común. Acolleuse a palabra do evanxeo e cantamos con Bea de Estrella:
Camiños de fe,
camiños por percorrer
sumando camiños
atopándome contigo
…
Historias de vida, agasallos do corazón
atoparme en ti, na pegada esquecida
na ilusión vencida,
prendendo unha luz.
Desde Vigo queremos expresar que despois desta crise queremos coller impulso para seguir adiante. Salientamos a mensaxe de amor dos que se sacrificaron polos demais. Cremos que dos males sempre se sacan bens. Fronte ao medo, a esperanza. Felicitacións das 26 persoas que nos xuntamos, resultou moi ben.