Foi moi emocionante ver e falar de novo con Alfonso Blanco Torrado, recuperado do COVID, na edición deste ano da entrega das “Mans de Irimia”, nese acto que organizan a Irmandade Manuel María e a Asociación Xermolos, alí onde o Miño nace (e onde naceron outras cousas lindas como a Romaxe de crentes galegos). Alí estaban os compañeiros Baldomero Iglesias -Mero- e David Otero, condutores e argalleiros do acto, e moita outra xente boa e xenerosa, corenta e tantos, o que equivale a oitenta e tantas mans para facer país, que ningún era manco, que se saiba.
Era a décima Festa da Afirmación e Dignidade do Pedregal de Irimia e desta volta fíxoselle homenaxe de agradecemento e entrega dos recoñecementos a Xesús Mato, o crego lugués que hai xustamente 50 anos compuxo a letra e música da canción “Fuxan os ventos” e que fixo agromar tantas cousas.
E, a título póstumo, recoñeceuse a vida, os traballos e o bo humor de Bernardo García Cendán, que deixou atrás del “todo un ronsel de loita e compromiso para abrirnos horizontes moito máis amplos e cheos de humanidade”.
regresar á variedade diversa, volver ao nós, apostar pola vida, con brazos abertos ao sinxelo do vivir
Como é xa tradición, fixemos unha lectura compartida do manifesto, escrito por Mero, que nos invita e convoca a non quedarmos mudos e inactivas fronte a unha globalización monetarista e esmagadora das identidades diferentes, que nos anima a “regresar á variedade diversa…, a volver ao noso e por nós, a apostar pola vida, con brazos abertos ao sinxelo do vivir, sen egoísmos. A deixar que a consciencia nos guíe para compartir, porque se así facemos, chegará o día en que aínda teremos máis para compartir… e virán bolboretas e flores, o cuco cantará xa no marzo cara ao abril e daremos grazas á orixe e ao fogar que nos acolle”.
Raúl Galego, gaiteiro, emocionounos coas súa pezas e fixéronse presentes voces da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia, da Asociación Avelino Díaz, poeta meirego que a Quenlla vai recuperar proximamente, e representantes dos presos independentistas galegos.
O xantar compartido, o intercambio e a conversa acougada, serviron, coma sempre, para rematar unha xornada de esperanza agradecida.
Cómpre salientar a emocionada achega –que aquí reproducimos– que enviou por escrito Iago Pérez Santalla, doutor en Humanidades e tamén en Servizos Culturais pola USC, coñecedor por propia experiencia do compromiso de Mato con Auxilia e alumno de Bernardo na Universidade.
A Mato e Bernardo
Iago Pérez Santalla
No Pedregal de Irimia, onde nace o noso pai Miño, que se estende polo país repartindo regalías, sodes homenaxeados coas mans que fan da terra futuro. Nesas mans están as vosas mans, as que arrancaron este país da miseria en silencio, as que forxaron este presente que desfrutamos cheo de dereitos que parecen obvios, pero que vós tivestes que loitar dende os cernes da conciencia.
Sempre fostes unha referencia fundamental, un sinónimo encarnado de como facer país levantando pequenas atalaias de benestar.
Ti, Mato, sempre loitando por dinamizar a sociedade e crendo que cultura e benestar van unidas; aí naceu Auxilia e con ela, festivais de ledicia e cultura. Naceu o dereito ao ocio, o dereito á educación, o dereito ao traballo. Todo pasou polas túas mans e as túas mans saben como facer unha realidade mellor.
Ti, Bernardo, meu querido profesor que exercía sempre de amigo. Tiñas os ollos ben abertos á diversidade, ensinábasnos aprendendo e así o primeiro ensino foi borrar para sempre o prexuízo dos ollos. Un sorriso era a primeira verba de ensino e a segunda a túa fina ironía, que nos levaba a aprender unha realidade que, por moi dura que fose, sempre podía cambiar. O tempo fíxote máis amigo que profesor e hoxe as túas verbas sabedoras seguen repicando nunha memoria que sorrí, ri e canta contigo, mais nunca te esquece.
As mans de Irimia pasan hoxe por un mar de solidariedade que cambiou Galicia. Tanto ten que naza en Cabodevila como en Vilalba porque aquí no Pedregal, onde as pedras purgan, o voso alento é futuro que sabe que un día aprenderemos a amarnos a nós mesmos no voso propio amor.
Grazas meus amigos