O pasado 5 de Febreiro de 2022, cos condicionamentos da pandemia, e coa asistencia dunhas 30 persoas, reunímonos no mosteiro de San Salvador de Bergondo para celebrarmos a Asemblea Xeral Anual da asociación Irimia. Como xa é tradición, alén das formalidades estatutarias, fixemos deste día unha ocasión para o encontro, a reflexión e o debate. Para iso convocábanos e interpelábanos a fe e a rebeldía de Moncho Valcarce, o “crego das Encrobas”, que desenvolveu o seu compromiso sacerdotal nas parroquias do concello de Culleredo onde este ano se celebrará a Romaxe de Crentes galegos.

Asemblea anual

Comezamos coa presentación do último libro de Xosé Antón Miguélez, Oda a Xesús Cristo. Credo e camiño, poema de 300 estrofas escrito por un home namorado de Xesús e da xente, para quen sempre ten as portas abertas. Pola ausencia de Xosé Antón encargouse Manolo Regal desta tarefa.

A nosa presidenta deunos a benvida lembrando as actividades do ano pasado: a Romaxe en Arzúa, a revista, a páxina web etc. Falouse das contas, dos 416 subscritores da revista e das 146 persoas socias da Asociación Irimia, de como está indo a revista, da vindeira Romaxe, das colaboracións no Diario Nós, da participación no Sínodo da Sinodalidade e da dixitalización da revista e da documentación de Irimia por parte do Consello da Cultura Galega.

Mesa redonda: fe e rebeldía

Tres persoas tiveron a ben compartir desde a mesa o seu saber, as súas lembranzas e as súas ideas con todas nós.

Principiou Victorino Pérez facendo un paralelismo entre Moncho Valcarce, Francisco Carballo e Camilo Torres, coetáneos cun forte compromiso socio-político e unha fonda espiritualidade.

Na Igrexa cómpren cargos coa confianza da base, con formación humana e emocional

Francisco Carballo foi unha figura fundamental na cultura galega, sacerdote, intelectual, historiador, profesor, home comprometido, militante na política nacionalista motivado pola súa fe e o seu compromiso con Galicia, coa cultura, a lingua, a terra…, colaborador asiduo de Irimia, condenado a 6 meses de prisión por inxurias á policía no seu libro Historia de Galicia.

Camilo Torres foi un crego colombiano, intelectual, sociólogo, profesor na universidade, xornalista, comprometido con programas de acción comunal, que renunciou á sotana para entrar na guerrilla onde foi morto. Escribiu El amor eficaz e traizoou a clase alta da que proviña ao diagnosticar a situación social do seu país dominado por 25 familias poderosas.

Moncho Valcarce

Continuou Gumersindo Campaña falando de Moncho Valcarce, o crego das Encrobas, líder agrario, militante de esquerdas, concelleiro nacionalista, solidario co pobo, referente da Igrexa comprometida coa realidade e coa lingua pero máis valorado pola xente de fóra da Igrexa e descoñecido para os cregos novos. Descubrimos o seu carácter místico polos seus diarios, publicados no libro Diario íntimo. Revolucionario e místico, que se pode ler na páxina web de Encrucillada.

Hoxe en día a Irmandade Moncho Valcarce dá a coñecer a súa figura con faladoiros en colexios e institutos, publicacións, exposicións, premios, na páxina web www.monchovalcarce.org, todo como exemplo a seguir na construción dunha sociedade máis xusta. Hoxe hai moitos “Monchos” en asociacións, en grupos, loitando contra as macroeólicas e con tantos outros temas cun labor pequeno pero indispensable, pero fan falla moitos máis.

Hoxe hai moitos ”Monchos” en asociacións, en grupos, loitando contra as macroeólicas

Terminou Christina Moreira traendo a fe e a rebeldía ata o presente e o futuro: a Igrexa precisa un cambio sistémico (ante temas como a pederastia) e persoas que poidan servir como faro, como foron os tres exemplos antes citados. O amor eficaz ten que ser horizontal, fraternal/sororal, baseado en comunidades, grupos, movementos e que empuxen á revolución desde a espiritualidade. Precisamos limpar dentro e fóra da Igrexa e recrutar persoas que ocupen cargos coa confianza da base, con formación humana e emocional. Temos que acabar co sistema feudal dentro da Igrexa e co dereito canónico que é anticonstitucional e choca cos Dereitos Humanos. É urxente acadar a igualdade entre homes e mulleres e rematar coa discriminación das persoas LGTBI.

Concluíu dicindo que o que se precisa é radicalidade e coherencia e comezou unha lista con persoas galegas representantes de Fe e a Rebeldía que fomos completando entre todas.

Despois de xantar no claustro, con moita precaución anticovid, Lucía e Marisa animaron a sobremesa, aínda que botamos de menos a música de Bea a de Estrella que só puido estar pola mañá.

Logo tivemos a presentación do libro de Carme Soto Cuando Dios habla no sólo en masculino por parte de Marisa Vidal. Trátase dun libro divulgativo, para todos os públicos, que nos fai doado entender a teoloxía feminista: recuperar a historia das mulleres na Biblia e na historia da Igrexa.

Tamén nos informou da Revolta de Mulleres na Igrexa e da loita ata que a igualdade sexa costume e do Sínodo das Mulleres que levará ao Vaticano propostas para a Igrexa do século XXI.

Por último Manolo Regal presentou o seu libro Na soleira do Deus da vida, colección de poemas nos que reflicte a presenza de Deus entre nós e o aprecio de Xesús pola humanidade, para rematar coa celebración da Candeloria na que lemos, recitamos, cantamos e prendemos candeas como símbolo das nosas luces e das nosas sombras e da Luz de Xesús.

E despedímonos coa ilusión de poder vernos de novo en setembro, na Romaxe, se non antes.