Foi outra volta no mosteiro de Bergondo – que imos adoptando como sede mentres se poida- onde nos xuntamos e celebramos, o pasado 2 de febreiro, a asemblea anual da Asociación Irimia, editora desta revista en versión papel e web e organizadora das romaxes de crentes galegos/as. Ademais de cumprir cos estatutos tivemos ocasión de coñecer con vagar, agarimo e fondura a experiencia do Centro de Desenvolvemento Rural (CDR) do Viso, en Lodoselo (Sarreaus), e celebrar a candeloria, que os días van medrando e a luz vaille perdendo o medo á escuridade. Foi unha xornada de encontro, debate e celebración.

avós e nenos

A asemblea da asociación: contas, renovación de cargos e modificacións de estatutos

Despois da aprobación da acta da asemblea anterior presentáronse as contas de Irimia do ano 2023.

Os ingresos da asociación en 2023 (un total de 23.288,79€), tiveron como orixe as cotas e doazóns á asociación (3.307,80€), as subscricións á revista Irimia (15.385,00€), as doazóns na Romaxe (1770,00€), a devolución do IVE previamente pagado (900,99€) e o cobramento efectivo da subvención de 2022 (1.925€).

Os gastos nese mesmo ano supuxeron un total de 21.343,57€. Os servizos de xestoría, impostos, e funcionamento ordinario da asociación leváronse 2.001,06€. O gasto na revista en versión electrónica e papel (maquetación, impresión, envío, xestión web e xestión bancaria) ascende a 16.406,52€ . E os gastos de organización da Romaxe en Brión foron de 2.935,99€.

Ao contrario que en anos anteriores, en 2023 non houbo déficit de funcionamento a cerramento de exercicio, senón un superávit 1.945,22€.

Ademais aprobáronse pequenos cambios estatutarios, como o de actualización da razón social, a ampliación do prazo a tres anos dos nomeamentos para a xunta directiva e a supresión da vicepresidencia.

Informouse do proceso de selección dunha persoa para desenvolver os servizos de coordinación e edición da revista, seguindo seguindo o acordado na anterior Asemblea e o procedemento aprobado pola Xunta directiva. O dito proceso concluíu coa contratación da xornalista Rosa María Rodríguez García.

Aprobouse por unanimidade a composición da Xunta directiva, presidida por Lucía Santiago Díaz, con Beatriz Pérez Mosquera exercendo de secretaria e Manuel Adame Moldes de tesoureiro. Ademais forman parte da directiva como vogais, Charo Rilo, Christina Moreira e Daniel López.

O Viso, en Lodoselo: a enerxía do amor á terra feita acción, proxecto e coidado da xente

Na asemblea tamén se informou dos avances na organización da próxima Romaxe 2024 en Lodoselo, baixo o lema “A Terra quer coidados”, coa colaboración da xente da localidade, principalmente do CDR, que nos acompañaron nesta xornada.

Toño Corbal presentou a experiencia de Lodoselo, que no seu inicio -1985- tiña a forma da Asociación Cultural O Cruceiro, que en 1990 pasa a ser un CDR en rede con outros centros rurais, que fixo boa parte do seu camiño inspirado e complementado con “Preescolar na casa” e que hoxe é unha aldea de desenvolvemento integral con base comunitaria, atendendo a infancia e á vellez, con programas innovadores de inclusión social e bio-coidados.

Inspirados no “desenvolvemento a escala humana”, en Gustavo Freire, e no saber facer, ser e estar dos veciños e veciñas, son un referente de como facer da necesidade de coidados da xente un motor de activación, autoestima e cambio positivo na Galicia rural.

E rematamos a xornada cunha pequena e sentida celebración da Candeloria animada por Marta Sopeña e Nuria Núñez.