Foi unha xornada festiva, ambientada polo lema escollido para este día: “Tecer vínculos de fraternidade no mundo obreiro e do traballo”.
Comezamos cunha oración para tomar conciencia de que, como seres humanos, formamos unha rede interconectada á que podemos contribuír cultivando amor e axuda mutua, tomando como referencia o testemuño das primeiras comunidades cristiás.
Tecer vínculos de fraternidade no mundo obreiro e do traballo
Luís Calvo, da IOAC de Vigo, presentounos as liñas principais en relación co tema do día, sinalando como a realidade actual do mundo do traballo está cada vez máis fragmentada e precarizada, lembrando a chamada do Papa Francisco a conseguir “teito, terra e traballo para todos” e expoñendo cales son as principais liñas de actuación para facer fronte a esta situación, as cales pasan necesariamente por contribuír a un cambio de mentalidade que supere a ideoloxía individualista neoliberal, nos saque da nosa zona de confort e nos leve a buscar vínculos de fraternidade.
Eloina Ingerto, presidenta de EAPN Galicia (Rede Galega contra a Pobreza) presentounos a súa campaña Emerxencia Vivenda, en concreto, o contido da exposición fotográfica que inauguraron recentemente. Coa súa intervención axudounos a visibilizar a gravidade da situación e a tomar conciencia de que é urxente e necesario reclamar un aumento drástico dos raquíticos orzamentos dedicados ao acceso á vivenda.
No diálogo que mantivemos tras a exposición de Eloína e de Luís, constatamos a falta de compromiso real de moitos municipios galegos e preguntámonos por que non se impulsan en Galicia proxectos como o Vivendas Baleiras, por exemplo, que protexen tanto as persoas propietarias como os posibles inquilinos/as, ou a liña de subvencións para rehabilitación de infravivendas, entre outros, e por que non levan a cabo programas decididamente orientados a erradicar a exclusión residencial por parte de todas e cada unha das administracións públicas.
No diálogo tamén afondamos na responsabilidade persoal e colectiva que temos nestes asuntos e como podemos contribuír, ou non, a que mellore a realidade social da humanidade que sofre.
Celebramos a Eucaristía co noso bispo Alfonso Rouco, que nos animou a seguir tecendo vínculos de fraternidade na Igrexa e na sociedade e lembrounos que todo compromiso persoal e colectivo fundaméntase no Amor Primeiro que sae ao encontro de toda persoa humana.
Compartimos a comida achegada entre todos e todas e pechamos a xornada de encontro cunha sobremesa animada, na que, coas persoas doutras parroquias e entidades que nos acompañaron durante todo o día, levamos a cabo un diálogo aberto sobre a celebración da XIV Asemblea Xeral este verán en Segovia, a nosa experiencia na IOAC, o proceso de formación, os compromisos que imos adquirindo e o desexo de seguir tecendo vínculos de fraternidade no mundo obreiro e do traballo.