Asistí́n como parte de Espazo Seguro Católico de Costa Rica, comunidade integrante da GNRC. Desde o inicio percibíase algo novo, case inaudito: máis de mil catrocentas persoas reunidas nun mesmo espírito, sen medo, sen etiquetas, celebrando a fe con alegría. Para moitos e moitas de nós, que experimentamos a dor da exclusión eclesial, aquel ambiente foi un signo palpable da Ruah, o sopro de Deus que renova desde as periferias.
O venres 5 de setembro comezou cunha emotiva vixilia na Chiesa del Gesù, onde participaron fieis, familias, amizades, relixiosas e sacerdotes —entre eles o padre James Martin, SJ, e a irmá Geneviève Jeanningros, próxima ao papa Francisco—. Oramos en distintos idiomas, compartimos testemuños de vida e fe, e escoitamos historias de resistencia amorosa: persoas lesbianas, gais, trans, pais e nais que, a pesar das feridas da discriminación, non renunciaron ao Evanxeo. O canto final, “Jesus Christ, you are my love”, uniunos como unha soa voz.
O sábado 6 de setembro, na Misa Xubilar presidida por Monseñor Francesco Savino, vicepresidente da Conferencia Episcopal Italiana, resoaron palabras que aínda gardo no corazón: “Hai que devolverlle a dignidade a quen se sentiu ao marxe da Igrexa”. Aquela homilía foi bálsamo e promesa.
Despois emprendemos unha peregrinación cara á Basílica de San Pedro, entre cantos e oracións. Ao cruzar xuntos a Porta Santa, sentimos que a historia daba un pequeno pero significativo paso cara á reconciliación. Recordamos entón as palabras do papa Francisco: “Todos, todos, todos somos parte da Igrexa”.
Fronte ao altar maior da Basílica, concluímos en oración. Choramos, rimos, cantamos. Sentín que Deus nos miraba con tenrura e que María, Nai da Igrexa, nos abría os brazos sen condicións.
Voltamos á casa coa certeza de termos vivido un Xubileu LGBTIQA+, e co compromiso de seguir construíndo comunidades onde ninguén quede fóra da aperta de Deus. Porque o amor, cando é verdadeiro, sempre inclúe.