Baixo o lema “A loita feminista: camiños de avance”, reunímonos de novo o 15 de abril no Castiñeiriño, no Espazo de Encontro, un grupo de vinte e dúas persoas crentes galegas, homes e mulleres, curas e segrares, felices de compartir reflexións e vivencias nun ambiente de concordia e harmonía.

O tema escollido para debater era dos que nos sacode as entrañas e as conciencias e permitiunos meditar sobre se facemos realmente o que está nas nosas mans para construír un mundo máis equitativo, máis humano e máis xusto.

Descubrimos o marabillosa que é a pluralidade: sen pensar igual pódense compartir e celebrar logros e propoñérmonos novos retos

Había persoas individuais e representantes de colectivos: da Vangarda Obreira, da Comunidade Home Novo, do grupo Acompañar de Vigo, da parroquia do Cristo da Vitoria, da IOAC, de Exeria, de Encrucillada, de MODEPEN, da Asociación XIARA, da plataforma feminista de Ames e do colectivo feminista de Vigo.

Descubrimos o marabillosa que é a pluralidade. Comprobamos que pensar igual, tanto no feminismo como na Igrexa, é imposible, pero botamos unha visual aos logros conseguidos ata agora e propuxémonos retos para alcanzar no futuro.

Dedicamos a mañá a analizar e afondar no coñecemento das loitas feministas desde diferentes realidades, a través dunha mesa redonda marabillosamente presentada e moderada por Gloria Brenlla e na que participaron Marisa Vidal (Asociación de Mulleres Cristiás Galegas-Exeria), Luisa Ocampo (Colectivo Feminista de Vigo) e Pilar Rodríguez (IOAC de Vigo)

Marisa relatounos con fluidez e pedagoxía o camiño percorrido desde a iniciación do feminismo na Igrexa ata a Revolta das Mulleres, deixando moi claro os antecedentes e a actual situación, pero, sobre todo, o que se quere no futuro, ata que a igualdade sexa costume.

Luisa tratou temas de moita complexidade, relacionados coas loitas feministas na sociedade ao longo das últimas décadas, pero coa súa veteranía e constante implicación nelas, deixounos moita valiosa información, favorecendo un cambio de mentalidades e actitudes entre nós.

Pili falounos, desde a súa propia experiencia, da dureza do traballo no eido dos coidados, da súa feminización, e amosounos os seus coñecementos no traballo do fogar e nas residencias de maiores; non só nos puxo en contacto cos problemas laborais, senón tamén cos problemas desa poboación maior ou enferma que hai que atender.

Despois do xantar compartido, Elvira Santos presentounos o libro Revuelta de las mujeres en la Iglesia, explicando as catro partes nas que se divide e por que un grupo de mulleres decidiron que era necesario escribilo.

A continuación, recordando a visita de Xesús a Betania e inspirándonos na “Liturxia dos sen oficio” de Madeleine Delbrêl (1945), recibimos o sacramento do amor, unxindo cada persoa ao resto con perfumes e dicindo: “Ti es sacerdote, profeta e rei/raíña”. Foi un momento moi emocionante e feliz, a través do cal nos sentimos enviados a buscar cada un de nós os espazos de presenza de Deus no mundo e a ser nel a súa semente.

Agradecer, coma sempre, a todas as persoas que coa súa implicación e participación fan posibles estes Espazos de Encontro. Vémonos no próximo!