FAGAMOS IGREXA GALEGA é unha proposta que ten como obxectivo avanzar na inculturación da igrexa na realidade galega. A iniciativa da súa convocatoria foi do grupo da editorial SEPT, á que axiña se sumaron persoas e grupos de toda Galicia.
No punto de partida está unha reflexión sobre a inculturación da igrexa en Galicia, de maneira xeral, e sobre a situación da liturxia en galego, de xeito máis particular, motivada por dous aniversarios cumpridos no ano 2019, ambos relevantes e cunha relación entre eles abondo coñecida: os 50 anos da aprobación da liturxia en lingua galega e os 25 do pasamento do Padre Seixas. Nesta reflexión formúlanse dúas realidades diferentes e, aínda, contraditorias. Unha negativa: a percepción dun desánimo abondo xeneralizado. Outra positiva: a constatación da existencia de moitas persoas e grupos que seguen traballando nesta visión ou vivencia da Igrexa. Cumpría xuntarse, falar e unir o xa existente para renovar a ilusión e coller folgos para traballar por obxectivos novos e máis ambiciosos.
A primeira xuntanza celebrouse en Vigo, nos locais da parroquia do Sagrado Corazón, o día 17 de setembro, con 17 participantes. A segunda, en Compostela no Colexio La Salle, o 27 de decembro, con 37.
Devolver a ilusión e a esperanza
En ambas as convocatorias chamouse a participar a laicos, cregos, movementos, parroquias, colexios, etc., comprometidos ou interesados na inculturación da Igrexa en Galicia. Os obxectivos formulados son variados, uns máis xenéricos e outros máis concretos: devolver a ilusión e a esperanza a todas as persoas que traballaron no eido do galego na Igrexa, reflexionar sobre a realidade actual da Igrexa galega, unir forzas e elaborar proxectos comúns para toda a comunidade eclesial galega; ampliar e renovar o canto litúrxico galego, unir nunha plataforma dixital os recursos existentes en lingua galega para a liturxia, a catequese, a oración, etc.
Hai desánimo, pero tamén grupos que traballan pola inculturación
A iniciativa tivo unha excelente acollida, no senso de percibirse que se botaba en falta e que se demorou máis da conta, debido, seguramente, ao desánimo apuntado.
Destas dúas xuntanzas o máis destacábel foi a satisfacción que se percibiu entre as persoas asistentes, aspecto que algunhas fixeron constar expresamente nas súas intervencións. Pódese dicir, co risco de facelo prematuramente, que o obxectivo fundamental de renovar a ilusión recibiu o seu primeiro alento.
Un mapa da galeguidade na Igrexa
Recollo de seguido algúns aspectos das reflexións e achegas realizadas que servirán para marcar a orientación e os principios nos que se debe mover todo o traballo futuro:
- A inculturación abrangue todos os aspectos da Igrexa, non se pode centrar exclusivamente na liturxia, sen restarlle a esta nada da súa importancia. Apuntouse como modelo de traballo o último Sínodo da Amazonía e propúxose a conveniencia de facer un encontro para analizar a importancia da inculturación.
- A demanda e o fomento da lingua na Igrexa non se limitará á liturxia, pois a Igrexa é a única das grandes institucións de Galicia que non usa o galego de xeito oficial.
- Hase elaborar un mapa da galeguidade na Igrexa, que sirva de ferramenta para coñecer os recursos e as necesidades existentes na actualidade.
- Fíxose fincapé na necesidade de prestar moita atención á calidade en todos os proxectos que se realicen, como na escolla ou elaboración de materiais para a liturxia, a catequese…, nas letras e melodías dos cantos, etc.
- Apuntouse a necesidade de materiais concretos, como a publicación dos dous rituais pendentes e que están traducidos (Penitencia e Unción de enfermos e un leccionario para uso dos fieis).
- Falouse da necesidade de manter unha postura crítica e incidir na realidade cando non se está de acordo coa postura oficial da Igrexa, poñendo en solfa aquilo co que non se pode comungar. Hase opinar sobre a formación que se imparte nos seminarios actualmente, sobre a formación e adaptación do clero que chega de fóra de Galicia, etc.
- Nun futuro próximo daranse dous feitos importantes nos que a voz das persoas que teñen esta sensibilidade na Igrexa galega debe expresarse e debería ser escoitada: a probábel visita do Papa no vindeiro Ano Santo e o cambio de Arcebispo en Compostela.
- Houbo aínda máis temas que se apuntaron e sobre os que cómpre afondar, como o diálogo interrelixioso e a perspectiva de xénero.
Entre os obxectivos, devolver a ilusión e reflexionar sobre a realidade actual da Igrexa galega
Entre as decisións tomadas destacan a formación dun grupo para traballar no canto relixioso, tanto na escolla como na composición de novas pezas. Tamén na formación dun grupo coordinador da actividade xeral desta plataforma. Un bo sinal do entusiasmo compartido foi que as persoas necesarias para a formación deses grupos apareceron de maneira inmediata.
Esta iniciativa merece ser recibida coma un fermoso e comprometido galano de Nadal e agardar que esta semente de esperanza prenda e medre por toda Galicia.
As persoas interesadas en ter máis información sobre Fagamos Igrexa Galega, as súas convocatorias e actividades, pode facelo usando como contacto o correo electrónico xanostesaqui@gmail.com.