Como adoitamos facer desde hai uns anos aproveitamos o encontro arredor da Festa do Lume para ampliar círculo e perspectivas, para coñecer e celebrar o que pasa nesta terra nosa. Desta volta para coñecermos de primeira man cousas lindas que se están a facer no País -con maiúscula, isto é, no País da xouba e do grelo – , que iniciativas, a xeito de exemplo, hai en marcha para que as nosas nenas e nenos podan vivir e medrar en galego sen sentírense totalmente alieníxenas nin, xaora, alieníxenos. E foi unha mesa de experiencias ben xeitosa
Xa na introdución, o moderador Xosé Lois Vilar nolo advertía: esta causa do galego vivo e con futuro segue a ser unha batalla tremendamente desigual: parecía nun tempo, aí atrás, que había avances, pero a realidade, cando miramos cara aos nosos nenos e nenas é de alarmante retroceso. Fronte a iso hai un exército pacífico de iniciativas, desas que non dan cartos, pero reportan dignidade e esperanza. Velaí van tres:
Alfonso Filgueira
A veciñanza de Sedes defende a súa escoliña rural
Alfonso Filgueira, que ademais de pedagogo é veciño desta parroquia de Narón, contounos ao longo proceso de loita comunitaria por manter viva a pequena escola unitaria. Sitúase a parroquia de Sedes nesa Galicia periurbana, tan viva, onde se mantén en gran parte a tradición dunha aldea que foi e que aínda é, pero doutro xeito. Cun 42% de xente maior de 60 anos pero con 28 menores de varias idades.
O proxecto, que é o importante, como insistía Alfonso, máis que as persoas, fai firme en tres pedreiros: a escola, a comunidade veciñal e os dereitos de cidadanía.
A escola de Sedes ten 98 anos ás costas, moita historia, pois nace como escola de nenas en 1921, coincidindo co recoñecemento do dereito a voto das mulleres; un proxecto, como tantos outros, promovido por un ilustre emigrante na Habana, que nace dunha preocupación polo alto analfabetismo feminino.
A comunidade veciñal, o segundo pedreiro, ten conciencia de perda da identidade, e inicia un proceso de “trece accións pola escola”, campaña que adquire notoriedade sobre todo a partir dunha resposta que reciben da Casa Real. Campañas, comensalías, xuntanzas, van fortalecendo a comunidade arredor desa causa común: a escola. A iniciativa acaba tendo éxito e conséguese que, con cinco cativos, se reabra.
a comunidade fortaleceuse arredor dunha causa común: a escola
O dereito á educación e aos servizos básicos, tamén á lingua propia, todos os dereitos de cidadanía son, segundo Alfonso Filgueira, o terceiro piar. Hai un recoñecemento teórico deses dereitos, pero despois non se esixen, como é o caso do peche de escolas. Hai un dereito a ser educado no idioma propio pero no activamos os procesos que a Lei recoñece. Tampouco hai que esquecer que a escola ten que ver co idioma, pero tamén está a familia, están as “redes”. E sobre todo, hai que manter viva a economía de proximidade, a economía rural que é a que foi o mellor soporte do galego durante séculos. A xente que pasa dos 50 son auténticas bibliotecas de tradición oral. Pero hai que escribir esa tradición rural, para que non se perda. Somos algo así como os últimos mohicanos.
Iria García
A cooperativa Semente: escolas galegas contra corrente
Tamén de Trasancos, ou Ferrolterra, viña Iria García, que é impulsora, nai e socia do proxecto cooperativo de escolas Semente. Seguindo as pegadas das irmandades da Fala, crean desde a “Xentalha do Pichel” unha escola nacional galega para cubrir unha lagoa inadmisible. Como é tan común neste país, contaba Iria como, cando naceron as súas nenas, non tiña alternativa real ao seu redor de escolarización e socialización en galego.
As escolas Semente son un proxecto comunitario e domocrático, non lucrativo. Todo se decide en asemblea, de maneira que non é propiamente escola pública nin privada, senón autoxestionada e cooperativa. E dependen do esforzo económico dos socios e socias. Na súa escola son 88 socios e en Galicia xa pasan de 1000. Na escola de Semente de Trasancos hai 19 crianzas.
Son un proxecto consciente de inmersión lingüística, seguindo outros modelos semellantes de Euskadi e Cataluña. Trátase dunha transmisión da lingua desde o afecto. Asentar a afectividade, vivindo, sentindo e pensando en galego.
somos un proxecto consciente de inmersión lingüística
Por iso a socialización non é cousa só da Escola e crean espazos de xogo e socialización, con iguais, fóra da escola. Tamén teñen unha estratexia de construción da identidade e reforzos culturais, mesmo creando personaxes como superheroes en galego e tratando de implicar na causa á familia extensa.
Tamén fan unha aposta polo achegamento, o coñecemento e o aprecio da versión internacional do galego, o portugués, o que abre unha gran variedade de recursos educativos.
Actualmente, ademais da de Trasancos, hai dúas escolas semente en Compostela e outra en Lugo.
Irene Pérez
Medrando en galego na escola pública
Finalmente Irene Pérez, (moza catalá cun galego impecable) profesora do CEIP Ínsua Bermúdez, en Vilalba, comezou recordando que “non é só da escola”, pero que os cativos poidan vivir e falar en galego, sen condicionamentos ambientais, “tamén, é cousa da escola”.
Irene explicou como o seu equipo entende a lingua como comunicación, como ferramenta social, pero tamén no seu aspecto artístico.
a escola ten que ver con que os cativos poidan vivir en galego
E desde o artístico, enganchan. No seu centro traballan por proxectos, transversalmente, todas as materias, e esa parte artística ten moita importancia. Así o proxecto anual en 2018 foron os pintores e pintoras galegas, desde Lois Seoane a Xulia Minguillón. E o proxecto de 2019 é “A nosa música”. Un proxecto destes involucra todas as idades, a partir dos tres anos.
Comezan os proxectos por intereses e por espertar o interese. Por cursos: Que queren saber do “seu pintor”, onde se atopa a información, como conseguila. Escríbenlle, se e posible, unha carta, traballan así a escritura, o correo electrónico; componse a información en murais; preparan unha exposición sobre o seu pintor ou pintora ás outras aulas, e así traballan a expresión oral e o falar en público.
A cousa vai máis aló das aulas, pois planean saídas ao museo. A parte artística inclúe a decoración de todo o centro e, os máis afortunados, tiveron ocasión de pintar co seu artista, como foi o caso do chairego Manuel Carballeira ou a luguesa Sabela Arias que compartiron tempo e taller coa rapazada.
Diversas actividades complementan a experiencia, como a canle de Youtube “Micronovas TV”, obras de teatro en galego