Resultou que no XXI Encontro Nacional de Mulleres e Teoloxía tres rapazas galegas fixeron boas migas. Lucía (30 anos), Carmela e Clara (ambas 21 anos). As tres encaixaron no seu modo de entender a fe nun contexto diferente ao das nosas nais e avoas, pero, sobre todo, coincidiron en ser as tres unhas axitadoras sociais natas

Unha delas, Carmela, vivía en Barcelona e, como boa mobilizadora de masas, participaba en varios movementos sociais. Un deles era a XOC – Xuventude Obreira Cristiá 1, un movemento de Acción Católica para rapaces entre 18 e 30 anos, de corte cristiá e forte acción social. E coincidía que ese ano a Federación Nacional das XOC en Barcelona organizaba unha convivencia para a Semana Santa (A trobada de Pascua), na que había uns recunchos de formación libre, onde os propios “militantes” podían dar información sobre un tema. Carmela non o dubidou nin un instante, había que traer a Clara e a Lucía de Galicia. Entre as tres falaríanlles aos seus compañeirxs sobre algo que os ía fascinar: a teoloxía feminista.

Coñeces algún grupo de xente nova que queira escoitar falar sobre teoloxía feminista?

Outra delas, Clara, vivía en Santiago de Compostela e coincidía coa terceira, Lucía, na Asociación EXERIA de Mulleres Cristiás Galegas. Entre cañas despois das reunións da asociación e un forte movemento dun grupo de WhatsApp creado para tal fin (de nome “Galegas reconquistando”), argallouse un obradoiro dunha horiña que buscaba achegar á xente nova os fundamentos da teoloxía feminista, novos xeitos de rezar utilizando o corpo e unha aproximación ás mullerazas que aparecen no Antigo e Novo Testamento, pero que non se coñecen.

Vaia rollo. E xusto antes de xantar. E voluntario. A isto non vai ninguén…

E o venres 19 de abril de 2019, ás 13:00 h, o salón estaba cheo de xente. Viñeron todos. Os corenta mozxs e algún maior estaban alí esperando, expectantes sobre o que lles íamos a contar. Colocándonos en roda, ao redor dun altar feito por nós con moita simboloxía, aprendémolles a danza da bendición, proxectamos imaxes da Crista e falamos de abrir mentes coas gafas lilas, tamén sobre Deus.

O que máis éxito tivo foi a dinámica do Teotinder Feminista. Un cuestionario feito para aproximar a biografía de mulleres da Biblia á xuventude. Baseándonos na dinámica dos portais de citas (o nome está sacado do famoso Tinder), a actividade consitía en responder unha serie de preguntas para buscar parella (ex.: Que valoras máis na túa parella?, A onde irías na túa primeira cita?, etc.). Segundo as respostas que escolleses “farías match” cunha das mulleres ou con outras. Cando sabían que muller lles tocaba, tiñan que investigar, se non a coñecían, ou reflexionar sobre a súa historia. Para esta ocasión escollemos seis personaxes: Lidia, Ruth, Déborah, Esther, Magdalena e a Cananea.

Pero todo isto non se puido facer sen a cantidade de material, ensinanzas e apoio que nos deron todas as mulleres que camiñaron antes ca nós. Grazas a Marisa Vidal, Tere Miguélez, Carme Soto, as mulleres de EXERIA… e a todas as que nos cargastes a mochila (e a cabeciña) co material posible para argallar este obradoiro. E agora a repetilo! Coñeces algún grupo de xente nova que queira escoitar sobre teoloxía feminista? Pois escribe a mcgexeria@gmail.com para máis información.

1 – Juventud Obrera Cristiana https://www.joc.es/
Joventut Obrera Cristiana Nacional de Catalunya i les Illes (JOC) https://jocnacional.wordpress.com/