XXXVI Foro Encrucillada

“Contemplar o Pórtico da Gloria é quedar mudo ante unha obra chea de matices, mensaxes e sensacións únicas. Todo o Pórtico dialoga co visitante cunha teatralidade turbadora, enigmática e evocadora”, anunciaba Luís Rodríguez Álvarez, membro do Consello de Encrucillada, que coa súa presentación abriu o XXXIV Foro Encrucillada: Pórtico da Gloria. Teoloxía en Pedra, que se desenvolveu no Hospital de San Roque o pasado 19 de outubro.

No Pórtico da Gloria a eternidade faise tempo (Gregorio Magno)

Xesús Portas Ferro, membro do Consello de Encrucillada, forneceunos de datos históricos sobre a construción do Pórtico, enmarcado na historia do Reino de Galicia. Manuel A. Castiñeiras González, catedrático de Historia Medieval na Universidade Autónoma de Barcelona, falounos do significado do pórtico na catedral e na cidade e comparou a súa teatralidade coa das representacións catequéticas que se facían no medievo. Carme Yebra Rovira, antiga compañeira do Consello de Encrucillada e hoxe profesora na Universidade Pontificia de Salamanca, reflexionou sobre as nosas maneiras de mirar e puxo no hoxe a comprensión teolóxica do Pórtico.

…E o Pórtico veu ao noso encontro, espléndido e sobrecolledor, en imaxes proxectadas de xeito continuo grazas á CRTVG, que as gravou, e ao Museo da Catedral de Santiago, que nolas emprestou. Para pechar o Foro, a CRTVG cedeunos o documental Pórtico da Gloria, polos séculos dos séculos, que nos contou con detalle a restauración realizada. Certo é que tardamos 10 anos en volver ver o Pórtico de novo, pero a espera foi ben necesaria e o resultado espectacular.

Non puidemos contar no Foro coa presenza de Ana Laborde Marqueze, directora dos traballos de restauración, pero a súa colaboración vainos chegar de forma escrita no próximo número de Encrucillada, o 215, que recollerá tamén os relatorios escoitados.

É de lei agradecer a quen fixo posible este Foro tal e como o vivimos: a Soledad Pite, que deseñou o cartel; á Dirección Xeral de Política Lingüística, por ternos emprestado o local; á Fundación Barrié e á Fundación Catedral de Santiago, polas súas indicacións e por ternos emprestado as imaxes proxectadas; á CRTG, que gravou as imaxes e nos facilitou o documental co que pechamos o Foro; á tenda de comercio xusto Panxea, que nos serviu café e biscoito no descanso.

O Pórtico agora está musealizado e separado do resto da Catedral, que está en obras. No Foro moitas asistentes expresaron a necesidade de poder volver rezar con el. Será traballo de quen xestiona a Catedral equilibrar visitas e oración para satisfacer necesidades estéticas e espirituais.