Non é moi doado saír dun encontro con sensación de satisfacción, case de felicidade, colectiva. Pero así saímos do Encontro da Coordinadora de Crentes Galeg@s 2021, o 12 de xuño no C.S.C. “Agustín Bueno” do Castiñeiriño. Cóntovos.

Nada de teoría só experiencias. Falábase dende dentro e tiñamos moitas ganas de vernos e escoitarnos

Canto tempo! Que ganas!Canto tempo! Que ganas! Dende o 17 de abril do 2019 non nos atopabamos en persoa. Tiveramos varios encontros de contacto e preparatorios pola rede, e optamos por ter un encontro de medio día do que, como digo, saímos felices e contentas.

Acto primeiro. Despois dunha acollida, dunha oración inicial e dunha introdución, pasamos ao primeiro tema: ”Experiencia persoal de cada quen no tempo da pandemia”. Semanas antes decidírase o tema pedindo que se enviaran previamente as repostas.

cartel fronte a pandemia

Nunha hora e media escoitámonos unhas ás outras cun silencio recoñecedor, cuasi sagrado, sen interrupción ningunha. Foi un debullar microrelatos, todos diferentes, todos semellantes polo que tiñan de humanidade, e porque agromaban do interior. Non houbo teorías (“habería que…”) só experiencias e preguntas. Así resultou. Creo que o que alí aconteceu foi parte da satisfacción coa que saímos. Falábase dende dentro e tiñamos moitas ganas de vernos e escoitarnos.

Acto segundo. “Debate e conclusións para ir adiante “.

Cousas que saíron, creo que non todas:

  • Fomos viaxando con fluidez do persoal ao colectivo. Manteremos o aprendido sobre o de estar cerca de quen nos necesita, de dar e recibir o coidado.
  • Estes meses metéronnos un pouco nunha burbulla, con pereguiza de saír. Diminuíron os encontros de Comunidades. Tentaremos rachar coa burbulla.
  • Rodéannos moitas experiencias colectivas nas que participamos. Caracterízanse pola defensa do público (Sanidade, Ensino, Servizos Sociais…)
  • Frecuentemente adoitan autoorganizarse dende abaixo, á marxe de institucións sociopolíticas tradicionais, desbordándoas. Algunhas apoian
  • O Común (que non é o mesmo que o público) é un elemento importante, característico da nosa terra, que fornece resistencia e constrúe vida para todas.
  • Modepén e a Plataforma Galega polos Servizos Sociais Públicos son algúns dos espazos nos que participamos e loitamos.

Remate. O remate do encontro foi unha Acción de Grazas.

Ao arredor das candeíñas, acesas toda a mañá, expresamos o inmenso agradecemento que sentimos no medio da dor da pandemia. E rezamos o Noso Pai.

Polo medio, cantigas; e ao remate confortadas na esperanza.