No remate do ano pasado, o 10 de decembro, tivemos a primeira celebración comunitaria do Espazo de Encontro de Crentes Galeg@s. Atopámonos no CSC “Agustín Bueno” do Castiñeiriño máis de trinta persoas con diferentes xeitos de ser, de pensar e incluso de crer, pero unidos polo noso desexo dun mundo máis xusto e fraterno. Desde as diferentes realidades nas que nos movemos, e incluso desde as perspectivas que dan as distintas idades e os percorridos de vida de cada unha de nós, realizamos un acto de reflexión e denuncia, ao mesmo tempo que celebramos o encontro e a vida.

Tempos incertos, incerto futuro

Comezamos a xornada facéndonos conscientes de que verdadeiramente estamos a vivir tempos de moita incerteza, de inseguridade, onde o futuro constitúe unha incógnita, tanto no eido persoal coma no social ou no eclesiástico.

toca vivir realidades coas que non contabamos e que van máis alá da dose normal de incerteza “vital”

É certo que o simple feito de vivir está cheo de incertezas, nunca houbo “tempos tranquilos” nin somos quen de “controlar” a vida, pero neste momento estanos tocando vivir realidades coas que non contabamos e que seguramente van máis alá desa incerteza “vital”. Entre outras, acabamos de pasar por unha pandemia que nos amosou a nosa fraxilidade (individual e colectiva); estamos revivindo guerras e conflitos moi próximos que nos recordan etapas da historia que criamos superadas; vivimos unha situación económica de moita inestabilidade, na que a maioría empeoramos as nosas condicións de vida, mentres unha minoría moi minoritaria se enriquece dunha maneira obscena; seguimos vivindo nunha alerta climática no planeta, ante a que apenas estamos a facer nada, aínda que os síntomas son cada vez máis evidentes e formamos parte duns grupos e comunidades cun futuro tamén incerto.

As nosas inquedanzas concretas

Despois dun primeiro momento de VER a realidade do mundo actual, compartimos as nosas inquedanzas, as INCERTEZAS e preocupacións que nos producen as situacións que estamos a vivir:

  • Desde un punto de vista global, sentimos o peso do capitalismo feroz, dun sistema estruturalmente inxusto, de leis discriminatorias, do racismo, do machismo, do patriarcado, da falta de conciencia ecolóxica, de guerras políticas e económicas…
  • Desde un punto de vista da sociedade, preocúpanos que existan familias sen teito, mozos e mozas sen futuro laboral ou cuns salarios que non lles chegan para vivir dignamente, o deterioro constante da educación pública e a sanidade, a manipulación das nosas conciencias, o rexurdimento de colectivos cheos de fundamentalismos e incoherencias…
  • Desde un punto de vista máis persoal, dóenos o individualismo e a insolidariedade cada vez máis presente entre nós (sálvese quen poida), o illamento e a soidade (sobre todo, das persoas maiores), o pasotismo, o desánimo, o desalento, a ansiedade e os problemas psicolóxicos que producen estas situacións (saúde mental danada), a crispación cada vez maior coa que vivimos, as microviolencias…

Destacar que unha das reflexións que estivo presente ao longo de toda a xornada foi que non debemos perder a perspectiva. Que se miramos o mundo desde o punto de vista das persoas que viven na pobreza extrema ou desde os case novecentos millóns de persoas famentas, eles non teñen incertezas, senón a certeza do mal vivir, da invisibilidade, de que non existen.

arból vivir en tempos incerteza

Pero tamén certezas e camiños

Nun segundo momento, entre todos, fomos quen de atopar algunhas CERTEZAS, camiños de ESPERANZA que nos animan a seguir adiante:

  • A nivel global, sentimos que cada vez é maior a conciencia de que o sistema económico actual é insostible e que é posible promover cambios nas institucións a nivel social, medioambiental e económico (como o exemplo do feminismo, que está aportando liberación e dignidade á nosa sociedade). Que se poden levar a cabo compromisos de reconstrución de países en guerra.
  • A nivel colectivo, da sociedade, queremos seguir promovendo máis iniciativas onde o centro sexan as persoas (sobre todo as máis empobrecidas, os colectivos minoritarios…) e a protección do medioambiente. Imos seguir apoiando redes sociais descentralizadas, enredándonos en movementos polo ben común, pola defensa do público, da renda básica… Sempre con respecto e espírito crítico, nunca con indiferenza.
  • A nivel persoal, nestes tempos temos que acentuar a mirada no que agroma, ser como o orballo que vai empapando a realidade pouco a pouco. Crer na nosa capacidade de resiliencia, manter a coherencia e a solidariedade cos máis pobres. Coidar a comunicación coas persoas que temos cerca, acompañar. Valorar e coidar os nosos grupos e comunidades. Iluminar e ilusionar o noso entorno. Seguir sempre adiante, con perspectiva en positivo.

seguiremos apoiando redes descentralizadas, enredándonos en movementos polo ben común

Unha das certezas nas que máis se insistiu foi na necesidade de manter viva a ilusión e a esperanza, coa forza que nos dá a confianza en Xesús, pero unha “esperanza activa” porque, como diría Casaldáliga, só teñen dereito a ter esperanza os que traballan por que as cousas cambien.

Un paso cada día

Non podemos poñer sobre o papel todo o que se dixo e se reflexionou nesta xornada, pero coas achegas que cada persoa foi facendo, conseguimos encher de follas un fermoso carballo. Nel, como na vida mesma, conviven as nosas incertezas e certezas.

O sentir xeral ao remate do encontro foi moi positivo e saímos ilusionados e con moi boa sensación deste “novo” Espazo de Encontro de Crentes Galeg@s (antiga Coordinadora).

Como conclusión e tarefa, rematamos parafraseando a Deme Orte (poeta e compañeiro das CCP de Valencia):

Soñamos e queremos un mundo máis xusto,
pero antes
e mentres tanto,
dar un paso
e outro
día a día.