“SORORIDADE E TERRA”
Carballeira de Santa Minia, Brión
O pasado 9 de setembro celebramos a 45.ª Romaxe, que se di pronto; e poderiamos dicir que o tempo foi o protagonista absoluto. Toda a semana anterior pasámola consultando o Meteogalicia e cruzando os dedos para que non chovese e chegou o día e seguiamos ollando o ceo.
Non vai chover, non… Pois si! Caeunos unha chuvieira de auga fría no medio da celebración, pero, e aquí está o bo da historia, ninguén se foi. Abrimos moitos paraugas, abriron dúas carpas nun momentiño e aguantamos coma campións un chisco ata que escampou. E aínda que estivemos así, que chove, que non chove, ao final saíu o sol e pola tarde daba pena marchar…
Á chegada atopámonos coa xente de Irimia co folleto e o medallón, moi distinto do habitual, xa que non estaba feito en Sargadelos. Tamén estaban os da HOAC e os do Comité Óscar Romero ofrecendo as súas publicacións. E os do grupo organizador, con cestas de variadas e deliciosas froitas da contorna como símbolo de acollida.

Da celebración podería contarvos que o Guieiro e mais Exeria nos levaron seguindo o folleto polas distintas partes da celebración:
- A presentación de Exeria, a peregrina galega do século IV, que viaxou á Terra Santa e tamén a primeira muller escritora da Hispania, pois escribiu o Itinerario mentres viaxaba, para contarlles todo o que vía e descubría ás súas irmás e compañeiras.
- A lembranza das relixiosas, que desde os anos 70 fixeron opción de vida no mundo rural galego, coa participación de Pilar Wirtz, da Compañía de María en Bazar, e Reme, das Doroteas en Galegos, como exemplo das 16 comunidades de 10 congregacións distintas que formaban a Rede de Comunidades Relixiosas no Mundo Rural Galego.

As súas intervencións, moi emotivas e aplaudidas, fixeron que nos decatásemos da importancia do seu labor, tanto no desenvolvemento social, cultural e relixioso das aldeas onde estaban como na promoción das rapazas que puideron estudar grazas a elas.
- E dando un salto ao presente, Carmen Freire falounos da Rede do Rural e de diferentes iniciativas de labregos e labregas: o proxecto Amorodo, o mercado Lusco-Fusco en Compostela, a Asociación de Produtores Lentura, o grupo de técnicos Chimpín, a Asociación Daquí Darredor, e de todo o traballo en rede que se está levando a cabo.
- E non só no campo temos cambios. Tamén na Igrexa galega vemos pequenas experiencias de vida que agroman, como as celebracións en ausencia de presbítero que se fan en Mandiá, o traballo pastoral nos Cotos, as Mulleres Cristiás Galegas, o podcast Nas túas mans, a Escola Galega de Espiritualidade, os Foros de Encrucillada e os grupos e comunidades que seguen camiñando.

Coa incorporación das personaxes de Tomé, o apóstolo famoso por dubidar, e Marthana, amiga de Exeria e diácona, chegamos á Memoria da Pascua, a compartir o pan e o viño e aos 4 berros secos: un contra o clericalismo, outro contra o individualismo, un máis polas persoas que nos axudan a medrar e un especial de presas da cadea de Teixeiro. Iso si, o de abaixarse e logo erguerse cada ano custa máis.
E rematamos coa Rumboia e a entrega do ramo á xente de Lodoselo, na Limia, que van preparar a Romaxe do vindeiro ano, coma sempre no segundo sábado de setembro.
Que contaremos do xantar e da festa posterior? O reencontro coa xente que non vemos hai tempo. O atoparnos coa sorpresa de quen vai por primeira vez. O tempo de falar e poñerse ao día das novidades acontecidas desde a última Romaxe, que nunca é dabondo. O compartir sobremesas ata non poder máis. Os cantares e bailares.

Por último, non deberiamos esquecer felicitar o grupo da Quenlla e as pandeireteiras que nos animaron coas súas cancións, as persoas que leron, as que escribiron o texto, as que organizaron, a xunta directiva de Irimia e o concello de Brión e as case 300 persoas que participaron, chegando desde distintas vilas e cidades de Galicia.
E, como diciamos alí, vémonos de hoxe nun ano!!!